Este domingo, 15 de maio, Verdegaia organiza un novo roteiro dentro do seu programa Vai de roteiros. Neste caso, percorreremos a beira esquerda do río Miño ó seu paso pola cidade de Ourense ata a zona de Untes.

O punto de encontro será a ponte romana de Ourense, a onde se pode chegar facilmente tanto se alguén vai en coche, como desde a estación de autobuses ou desde a estación de tren. Quedaremos ás 10:00 h nesta ponte para comezar o roteiro pola beira esquerda do río Miño no seu paso pola cidade de Ourense. Iremos analizando o estado actual e as modificacións que foi sufrindo tanto esta beira do río como a outra, aínda que a escolla de ir pola esquerda débese a que resulta moito máis agradable camiñas por terra e non por unha especie de asfaltado da beira dereita.

Cando se chegue á zona das pozas, poderemos bañarnos e facer un pequeno descanso, polo tanto recoméndase levar roupa de baño, toalla, etc., se se desexa probar as augas termais polas que é coñécida a cidade de Ourense. Logo continuaremos a nosa ruta ata saír da mesma cidade e seguiremos pola beira do río ata Untes, onde actualmente hai un camping e diferentes instalacións.

En Untes faremos a pausa de mediodía para comer (hai que levar a comida e auga) e volveremos logo pola mesma beira do río ata o punto de partida.

Calculamos que a ruta completa, contando coas paradas para o baño e a da comida, remate polas 17:30 horas.

Recomendacións: levar roupa cómoda, calzado para andar, protección para o sol, comida, auga e bañador e toalla (para quen queira bañarse).

Agardámosvos a todas o domingo 15 de maio para pasar unha xornada de lecer en Ourense.

Para máis información, contactar con María Ogando no enderezo electrónico mariaogandogonzalez@gmail.com ou no teléfono 680118479.