ROTEIRO: O camiño do cabo.
Tempo empregado: 3-4 horas.
Dificultade: sinxela. Transcorre case todo o tempo bordeando a costa, só ao final hai un lixeiro ascenso ao monte do Facho.
Case todo o roteiro transcorre por zona considerada como espazo natural protexido.
Recoméndase levar auga, visera e protección para o sol, dado que practicamente non hai sombras en todo o camiño.
Percorrido: Corrubedo-fonte do Cabo-Faro de Corrubedo-O Corgo-A Laxe Brava-Teira-Monte do Facho-Parque da Laxe da Gata
Hora de saída: No peirao de Corrubedo ás 11 da mañá. As que se despracen dende fóra, dispoñen dun autobús que sairá ás 9:30 da explanada de Facenda en Compostela.
Partimos do porto de Corrubedo, de onde nos diriximos á praia do Prado. Ao final desta praia hai unhas escaleiras escavadas na rocha polas que se pode acceder ao camiño. De aquí, bordeando a costa, dirixímonos ao Faro de Corrubedo. Pasaremos polo Outeiro dos Corvos, zona de penedos litorais onde poderemos ver, además das gaivotas, corvos mariños.
De aquí chegamos ao Faro, zona de gran riqueza percebeira. O Faro foi edificado no 1853, empezando a funcionar no 1856. Marca, polo sur, a entrada da ría de Muros e Noia.
Dende o faro baixaremos para seguir o litoral ata as praias de Balieiros e as Barreiras, as máis batidas de todo Corrubedo. Aquí, un cordón dunar separa os areais dos campos. Cara o norte avistamos o Monte Louro, en Muros, e nos días claros pódese percibir ao lonxe o cabo de Fisterra.
Despois de cruzar a praia, atopámonos cun sendeiro que leva á zona acantilada que se ve ao fondo. Nalgunhas pedras do camiño pódense apreciar as rodadas dos carros, testemuñas dunha costume xa perdida, a de ir buscar batume ao Corgo.
No Outeiro da Mina, o punto máis alto do camiño despois do Facho, podemos atopar pedras singulares polas súas formas erosionadas: niños de abella, cacholas e pedras cabaleiras. Pouco máis adiante, entre o Outeiro da Mina e á praia de Espiñeirido, pasaremos por diante da Laxe Brava, a zona onde estaba prevista a ubicación dunha piscifactoría.
Xusto antes do comezo da praia de Espiñeirido, collemos camiño cara arriba, cara o lugar de Teira. É zona de raposos e coellos. Esta aldea conserva casas de labranzas tradicionais, con alboios e cabazos.
Trala visita a Teira, reandamos un anaco o camiño e atravesando a pista ancha subimos cara o Monte do Facho. O último tramo é o único do camiño que pode presentar algunha dificultade, tanto polo empinado do camiño como pola cantidade de toxos que hai, e que, pouco antes de chegar ao cumio, case pechan o sendeiro.
Antes de chegar ao cumio atópase a Cova de Litón, da que hai quen di que podería ser un monumento megalítico funerario.
Despois de baixar do Facho, dirixirémonos á Laxe da Gata, un pinar onde podemos merendar á sombra.