roga e albaroqueO sábado 28 de xaneiro botámonos ao monte. A proposta é facermos unha roga, un traballo colectivo nos terreos da comunidade de montes de Froxán, en Lousame. A tarefa será limpar o terreo de especies invasoras, entre elas brotes de eucalipto, para deixar espazo a outras propias como os carballos novos que están a medrar.

O punto de encontro será o lugar das minas de San Fins, no mesmo concello de Lousame, ás 10:30 da mañá. Dende alí desprazarémonos aos terreos e traballaremos até a hora do xantar, que correrá a cargo da Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins. Despois, se o tempo acompaña, poderiamos facer algún pequeno percurso polo lugar.

Para organizar o desprazamento e o xantar precisamos que vos anotedes no seguinte documento en liña: https://titanpad.com/0vdncZ3izv

Se non podedes acceder a el escribide un correo a info@verdegaia.org, indicando de onde sairiades, se precisades ou ofrecedes un medio de transporte e con cantas prazas, e se quedariades ao xantar. A data límite para anotarse é o 25 de xaneiro.

De seren adversas as condicións meteorolóxicas adiariamos a actividade, avisando con antelación ao contacto que teñades deixado.

Animádevos a partillar connosco esta xornada de traballo e lecer colectivo.