A Serra do Courel, incluída dentro da Rede Natura 2000 pola súa elevada biodiversidade (acolle ao redor dun 40% das especies de flora presentes en Galicia), non conta coa necesaria protección e interese por parte da Xunta de Galicia. Canteiras, parques eólicos, plantíos de especies arbóreas non autóctonas, son algunhas das ameazas que existen sobre o Courel, que, a día de hoxe, non conta coa declaración de Parque Natural tan necesaria para a conservación dos seus valores naturais. O peche da aula da natureza de Moreda é un sinal máis do abandono que está a sufrir esta zona por parte da Administración, e que ten como terribles consecuencias o despoboamento e a destrución do seu patrimonio natural e etnográfico.

As Aulas de Natureza xogan un importante papel na educación ambiental da sociedade para a conservación dos espazos naturais, alén de constituír piares para a promoción do coñecemento de zonas coma o Courel, facendo unha importantísima función de divulgación da súa riqueza e revitalizando unha zona onde as iniciativas para o desenvolvemento da comarca brillan pola súa ausencia.

O peche da Aula de Natureza argumentando escaseza de fondos públicos resulta lamentable e fóra de lugar, sobre todo tendo en conta o custo que supón contratar a unha persoa para mantela aberta e se se compara co custo que supuxo a construción da recentemente inaugurada Estación Científica de Seoane (máis dun millón de euros, por suposto, financiados con fondos públicos).

Viaxar ao Courel e atopar unha aula da natureza pechada deixará patente a desidia e incompetencia da Xunta de Galicia; unha incompetencia que continúa unha política de desmantelamento dos servizos públicos en xeral, e aqueles ligados ao medio ambiente e á Educación Ambiental en particular: desaparición de programas educativos, eliminación de liñas de axudas para a promoción da Educación Ambiental, despedimentos na administración pública, peche de equipamentos, etc.

Reducir e eliminar recursos, equipamentos e iniciativas ligadas á Educación Ambiental é absurdo e irresponsábel no actual contexto de crise ambiental. A Xunta da Galicia parece querer ignoralo.