vison.jpgA Xunta de Galicia vén de editar unha guía informativa titulada “A Caza en Galicia 2011-2012”, na que inclúe o visón americano (Mustela vison) como especie cinexética. Chama a atención que na primeira páxina desta guía se afirma que se trata dun “extracto da Orde do 7 de xuño de 2011”, cando nesa Orde non aparece en ningún caso nomeado o visón americano na relación de especies cazables en Galicia. Por este mesmo motivo, esta decisión parece máis froito da improvisación que dunha xestión eficaz do grave problema que supón a presenza desta agresiva especie invasora nos ecosistemas galegos.

Verdegaia rexeita a inclusión do visón dentro das “Especies cazables no Territorio da Comunidade Autónoma de Galicia” e denunciamos as graves consecuencias que esta decisión pode ter para determinadas especies da nosa fauna como as lontras (Lutra lutra), que pola súa semellanza e por vivir nos mesmos hábitats que os visóns, poderían ser doadamente confundidas e abatidas polos cazadores.

A Xunta de Galicia parece descoñecer que os visón habitan nos cursos baixos e medios dos ríos, con ampla e densa cobertura vexetal nas ribeiras… xusto unha das zonas onde o artigo 8.3 da Lei 4/1997 de Caza de Galicia prohibe a caza con carácter xeral, por estar incluída nunha das denominadas “Zonas de Seguridade”, que tal e como recolle o artigo 25.1 da Lei 6/2006 que modifica esa Lei de Caza, serían “As augas públicas, incluídos os seus leitos e marxes, nunha franxa de cinco metros do límite das maiores enchentes ordinarias”.

O control das especies invasoras está recollido na Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e as Comunidades Autónomas están obrigadas a xestionar dun xeito adecuado as especies que aparezan no Catálogo Español de Especies invasoras, cuxo borrador inclúe o visón americano. O desleixo da Xunta de Galicia, que se permite “delegar” nos cazadores tan importantes asuntos, amosa unha falta de interese que podería chegar a se converter nun flagrante incumprimento da lexislación vixente en materia de protección do medio natural.

Verdegaia esixe que a Xunta de Galicia desenvolva as tarefas que legalmente está obrigada a asumir en materia de xestión medioambiental e que poña en marcha un plan de erradicación do visón americano tomando exemplos como a investigación levada a cabo no País Vasco, que conclúe que o custo de erradicar os visóns ten un custo menor que a conservación doutras especies autóctonas (http://www.agenciasinc.es/Noticias/Biologos-del-Pais-Vasco-estudian-erradicar-el-vison-americano-en-Espana).

Outra vez temos que falar de vontade política en negativo. Comprobamos como para determinadas infraestruturas ou actividades lesivas para o medio existen sempre abondosos fondos públicos, namentres para a conservación da biodiversidade (elemento básico da supervivencia do ser humano) nunca hai recursos suficientes, especialmente no actual marco de “crise económica”.