vertedoiro_as_nogas-5.jpgCon motivo da exposición pública do documento de inicio do Plan Galego de Residuos Sólidos urbanos de Galicia, os colectivos ecoloxistas: Amigos da Terra e a Federación Ecoloxista Galega (Federación na que está incluída Verdegaia) solicitamos unha reunión coa Consellería de Medio Ambiente co fin de presentarlle e amosar unha serie de propostas dirixidas á consecución dunha mudanza na xestión dos RSU de Galicia e que están integradas nun documento remitido á Consellería o pasado mes de xuño.

Aproveitouse ademais para expoñer as recomendacións que, a modo de alegacións, se entregaron o día 17 de setembro no rexistro.

As reclamacións xiraron en torno ós seguintes aspectos xerais:

  • Plans específicos de Educación Ambiental
  • Participación activa, real e efectiva na elaboración e seguemento do Plan.
  • Obxectivos concretos, cuali e cuantitativos, de redución
  • Integración de criterios de reutilización
  • Novo esquema de recollida selectiva
  • Descentralización da xestión. 

Por outra banda reclamouse o peche da incineradora de SOGAMA no ano 2020 por ser o paradigma da insustentabilidade. O día 17 de setembro remataba o prazo de alegacións para o Documento de Inicio do Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia 2010-2020. Este documento debe xustificar a necesidade dun Plan de Xestión e establecer as directrices xerais da nova proposta.  A valoración que os colectivos ecoloxistas facemos deste primeiro documento, xeralista e ambiguo, é dunha incertidume preocupante, sobre todo coas mecións específicas sobre a valorización enerxética, que sigue aparecendo como un obxectivo do plan, e polo que o Conselleiro, parece seguir apostando. Así mesmo, os obxectivos de valorización material son moi escasos, especialmente os da materia orgánica; reducíndose a un 20% de recuperación para 2020, cando sistemas como o de Lousame, amosan que se pode acadar un 65% de recuperación e chegandose a acadar cifras próximas ó 80 % noutras experiencias do Estado.  

En definitiva, en contraposición ó modelo Sogama, os colectivos ecoloxistas, defendemos un modelo de xestión descentralizado e próximo á cidadanía; sinxelo e eficaz; e que xire, en tódolos seu aspectos en torno a obxectivos de consecución da redución de residuos na orixe.