O día 16 de xuño levouse a cabo a comparativa de medios de transporte no núcleo de Ourense. Finalmente os medios empregados foron: bici, en coche, en bus e a pé, co engadido da ruta sen tramos dunha persoa cun carriño cun bebé.

A comparativa faise en tres aspectos: custe en tempo, custe ecolóxico e custe económico.

 Os tramos eran:

a-Praza Maior-Residencia

b-Residencia-Universidade

c-Universidade-Estación de tren

 

 

Velaquí temos os resultados: 

 

TEMPO:

1. Bici (28 minutos)

2. Coche (39 minutos)

3. Bus (59 minutos)

4. A pé (63 minutos)

 

Pódese comprobar como a bici lle gaña bastantes minutos ó coche, segundo en chegar, e como a pé unha persoa chega practicamente ó mesmo tempo có bus, o que nos indica un ano máis que o transporte público da cidade aínda ten moito que mellorar. Diremos a favor do autobús que se ve afectado polo caos circulatorio da abundancia de coches, no só en movemento e entorpecendo o seu paso, senón aparcados nas paradas do bus, etc. Tamén hai que salientar que moitas veces a unha parada onde soamente cabe un bus ou dous como moito, chegan tres xuntos.

 

CUSTE ECOLÓXICO: (de menos a máis)

1. A pé

2. Bici

3. Bus

4. Coche

 

Temos que matizar que o coche na cidade gasta moito máis que en ruta nunha estrada, autovía, etc., xa que ten que parar continuamente en semáforos, pasos de peóns, estar parado nos atascos, etc., o que lle fai perder a pouca vantaxe que podía ter a respecto da bici en tempo e gañar todos os puntos negativos en canto á contaminación.

 

CUSTE ECONÓMICO: (de menos a máis)

1. A pé

2. Bici

3. Bus

4. Coche

 

Como podemos comprobar, outro ano a bici gaña a todos o resto dos medios de transporte, agás no custe ecolóxico e económico a unha persoa a pé. 

En canto ós transportes motorizados, outra volta o bus é preferible ó coche en custo ecolóxico e económico. En canto ó tempo, se o tráfico de coches se reducira na cidade, iso reduciría notablemente o tempo que empregarían os buses en chegar ó seu destino. Por suposto, se os coches non ocupasen paradas de autobús, este podería rodar máis axilmente pola cidade tamén. 

 

No ano 2010 volvemos confirmar que nunha cidade como Ourense a bici é o medio de transporte que combina as mellores características para as persoas usuarias e non usuarias dela.