Unha das nosas preocupacións como asociación tamén radica na conservación do patrimonio cultural e patrimonial de Galiza, alén do traballo ecoloxista.
No concello de Narón existe un muíño de vento. Sí , de vento. Tan famosos en Castela e tan esquencidos aquí… Moito menos coñecidos cos de río, debido en parte a súa escaseza, e, nos que cuns axeitados coidados de restauración, recuperarían a beleza de outrora. Para o muíño de vento da parroquia de San Mateo de Trasancos en Narón aínda non é demasiado tarde.
Este muíño presenta lamentábelmente un estado ruinoso, conservándose unicamente a torre e o seu peche perimetral. Na nosa opinión , a Dirección Xeral de Patrimonio, en coordenación co Concello de Narón, debería contactar cos propietarios do muíño para chegar a un acordo que faga posíbel a pronta rehabilitación do mesmo.
Este enxeño do s.XIX, estaba constituído nas súas orixes por unha torre fixa e unha cuberta cónica de madeira, xiratoria, da que partía un eixo provisto de velas de lenzo ou lona que coa forza do vento movían o entremado mecánico para efectuar a moenda do gran. O interior da torre dispuña dun andar.
O interese por recuperar o muíño de vento de San Mateo non só radica no aspecto etnográfico, senón tamén no turístico e mesmo no paisaxístico. Debido a que este tipo de muíños son pouco coñecidos en Galiza, ao contrario que os fluviais, e ao escaso número de construccións deste tipo rehabilitadas, agás o caso do do Campo da Torre, en Ortigueira. A súa recuperación sería de enorme interese para Narón e toda a bisbarra de Ferrol.
Tendo en conta que aínda conserva a torre do muíño, consideramos completamente viábel a súa recuperación integral, tal e como se fixo no de Ortigueira. Malia variar as dimensións, este muíño podería servir de modelo para reproducir a cuberta xiratoria e os elementos mecánicos do muíño naronés, dado que ambos son da mesma tipoloxía. Previamente, habería que consolidar as paredes da torre e do peche perimetral polo risco de derrube.
De non intervir a tempo, lamentaremos a perda da torre e dos valados perimetrais pola acción erosiva da choiva e pola vexetación que medra nos ocos e nas fendeduras dos muros. Como medida cautelar, debería procederse, sen máis demora, á eliminación da vexetación e ao afianzamento dos muros. En calquera caso, a recuperación deste muíño de vento debería realizarse co maior rigor posíbel, evitando as intervencións nefastas que deturpen a súa tipoloxía orixinal ou que mermen o seu valor etnográfico.
Xa como comentario final, dicir que ademais este muíño é un exemplo de aproveitamento da enerxía do vento, de forma totalmente inócua para o planeta, para os seres vivos, inesgotábel e, por que non dicilo, cun certo toque romántico….