Durante toda a mañá, o frío, os refachos de vento, os chubascos intermitentes e a néboa complicaron a colocación dos refuxios artificiais nunha serra situada a perto de 900 m de altitude e que a pesar de toparse relativamente próxima á cidade de Pontevedra, goza dunha fauna, dunha flora e dunha paisaxe dignas da protección de Lugar de Interese Comunitario que posúe, e que lle fai formar parte da Rede Natura 2000.
Colocarónse dous tipos de refuxios:
- Refuxios para aves que abrigarán a especies como o ferreiriño cristado, o peto verdeal, o piquelo azul e outras especies
- Refuxios para quirópteros que abrigarán a morcegos de ferradura (Rhinolopus) e a morcegos rateiros (Myotis) e con sorte a algún leirón gris.
A xornada rematou cun xantar de confraternización e cun debate sobre a redacción do plano estratéxico! Realizaranse máis saídas a este espazo que apadriñamos para divulgar os seus valores naturais. Seguiremos colocando caixas niño no piñeiral de Pinus silvestris, realizaremos roteiros para dar a coñecer a diversidade botánica: a presenza da Drossera, unha planta carnívora autóctona; a diversidade en carnívoros: a presenza do lobo, o gato montés e a garduña; e a diversidade ornitolóxica con aves como a tartaraña cincenta, a águia cobreira, o pedreiro cincento, o merlo rubio, o ferreiriño cristado e moitas máis.
Máis info: pontevedra(en)verdegaia.org