Agora que levamos semanas de confinamento, na asociación estamos a darlle voltas ás cousas que acontecen, tantas e tan variadas, atropelándose entre elas. Están as terríbeis, as mortes por suposto, pero tamén as consecuencias socioeconómicas, as emocionais, as comunitarias, etc. Están as alentadoras, a necesidade de aferrármonos á posibilidade do cambio, ao efecto da aprendizaxe partillada, a redescubrir escalas de valores, aquilo que de verdade importa. Está a capacidade de parar, e de pronto o aire vólvese máis limpo, os animais atrévense a saír do encerro ao que os temos sometido. Pero tamén está o autoritarismo, o empobrecemento, a soidade. Todo isto está, e son moitas as cousas que aínda chegarán co vir dos días.

Cando pensamos en se deberiamos facer algún artigo de reflexión, de posicionamento, algunha chamada xeral dende a voz do ecoloxismo, reparamos en que antes tiñamos que falar cara dentro. Porque cada persoa desta asociación estará a vivir todo isto dunha maneira particular. Non coñecemos todas as vosas situacións, se cadra algunha non será máis que unha paréntese, algo de aburrimento e pouco máis. Pero outras poden ser moito máis complicadas, en calquera dos aspectos que pode estar estes días alterado. Sabemos que non podemos facer moito por aliviar todo iso, pero queremos transmitir dalgún modo o abrigo que dá o colectivo, esa fráxil sensación de non estarmos soas nin sós. Porque estes días, se algo podemos tirar como primeira aprendizaxe é esa importancia da comunidade. Nin a saúde, un elemento que soe imputarse ao corpo individual de cada quen, pode entenderse sen o colectivo. Non hai saúde individual. Non hai corpo sen outro corpo.

Porén, toca retraer o contacto, sermos responsábeis coa xente que máis exposta pode estar aos riscos. Tamén onte tocaba sermos responsábeis, tamén mañá tocará. A non esquecer. Tocará defendérmonos de vellos e novos riscos, ambientais, sociais, económicos ou políticos. Non diremos que xa sabiamos, pero sabemos. Que só recoñecendo a nosa debilidade poderemos evitar o peor escenario. Porque esa debilidade, lonxe de ser negativa, é vital para nós no material e espiritual, fainos ser parte de conxuntos máis grandes e resilientes que a individualidade fomentada até un extremo absurdo polo capitalismo neoliberal. Ser parte da natureza, ser parte da comunidade. Non hai nada moi novo, pero cada vez é máis preciso recuperar ese legado que a fin de contas está na nosa orixe. Porque, cando isto pase, os problemas seguirán aí. Mentres hai quen quere aproveitar a ocasión para atacar ao feminismo, que necesaria é neste momento a súa defensa do valor dos coidados.

E para estes días, por suposto, con toda as contradicións que pode ter isto, é importante evidenciar o valor das compoñentes máis próximas á solidariedade e ao coidado que poden ter as institucións. Moito hai que mudar no sistema sanitario público, nos servizos sociais, na atención á dependencia. Pero na nosa sociedade actual son unha das poucas ferramentas que poden pór freo á desigualdade, que dan cabida tamén a outro tipo de relacións fóra do marco puramente económico e mercantil. É tan necesario defendelas como repensalas. Nesta liña, con propostas de corte económico, social e ambiental, lanzouse a campaña http://www.plandechoquesocial.org/gl/. Convidámosvos a ler as súas propostas, que tamén apoiamos dende a asociación. Intentaremos tamén non deixar de facer a nosa achega particular a este tipo de debates, incidindo máis na compoñente ecoloxista e achegando o foco a Galiza. Ben necesario semella agora re-localizar o noso consumo, fortalecer o tecido social, de barrio ou de aldea, manter con vida aquilo que nos garante alimento, campos e montes.

Para rematar, quixeramos insistir de novo en que fóra de reflexións máis ou menos acertadas que supoñan darlle ao miolo e acudir a grandes conceptos, o noso interese agora é desexar que todas e todos esteamos ben, transmitir o cariño da asociación e cando sexa posíbel, vérmonos polo monte adiante, nos areais, nas zonas húmidas, nas brañas, polas turbeiras, nos ríos, nas fragas…

Até xá!

Listaxe de grupos de apoio mutuo que están a funcionar agora mesmo na Galiza.