A pasada semana, dirixímonos ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, co gallo do Día mundial do Medio Ambiente para pedirlle a recuperación do tranvía en Vigo como medida urxente contra a crise climática.
O ano 2024 foi o primeiro da historia no que a temperatura media mundial superou en máis de 1,5 °C os niveis preindustriais (1850–1900). Ningunha rexión do mundo ficou allea ás consecuencias da crise climática, e con todo, os gobernos seguen sen actuar coa ambición necesaria. Os Estados están a incumprir a súa obriga de protexer os dereitos humanos fronte á aceleración do cambio climático. O dereito a un medio natural limpo, san e sostible está en risco, e só será posible garantilo con políticas valentes, investimento público e participación cidadá real. O futuro climático do planeta tamén se xoga nas cidades. Por iso, accións locais como a recuperación do tranvía en Vigo non son só unha cuestión de mobilidade, senón de xustiza ambiental e de dereitos humanos.
Vigo é a cidade peninsular con máis coches por habitante e, ao mesmo tempo, unha das que menos utiliza o transporte público. A día de hoxe, continúan sen aplicarse zonas de baixas emisións, mentres aumentan os niveis de contaminación atmosférica e o impacto climático derivado do tráfico. A pesar diso, seguen a proxectarse novas infraestruturas viarias de alta capacidade, mesmo no centro urbano.
Facemos un chamamento a repensar a mobilidade na nosa cidade. Defendemos a recuperación do tranvía como unha alternativa de transporte público limpa, eficiente e perfectamente compatible cun desenvolvemento urbano sostible. O tranvía foi durante décadas un medio que vertebrou a área metropolitana, conectando Vigo con localidades como Baiona, Nigrán, Redondela ou Porriño, e a súa supresión nos anos 60 supuxo un retroceso histórico en mobilidade sostible.
Instamos ao Concello de Vigo, á Xunta de Galicia e ao Goberno central a apostar decididamente pola recuperación e modernización deste servizo, xunto á súa extensión metropolitana e a súa xestión pública directa. Cómpre un novo pacto cidadán pola mobilidade baseado en medios de baixo impacto ambiental.
O 5 de xuño, coma todos os días, o clima tamén se xoga en Vigo. Por iso solicitamos unha reunión na que poidamos abrir unha canle de diálogo co obxectivo de crear unha Asemblea Cidadá polo Clima en Vigo e elaborar un Plan plurianual de Acción Municipal sobre a Crise Climática con obxectivos específicos anuais e mecanismos de revisión e cumprimento, aliñado coas recomendacións científicas para limitar o quecemento global por debaixo de 1,5ºC e centrado, entre outras cuestións, nunha transición enerxética rápida, limpa, eficiente e xusta, unha mobilidade sostible e multimodal e a conservación e restauración da natureza.




















