O mércores 9 de abril, ás 20:30, proxectarase o segundo filme do cine-fórum que organizan Verdegaia e Amarante no seu local de Ourense (Avenida da Habana, 64). 
Este documental recolle a memoria histórica da xente de Alberguería, unha aldea que desapareceu no ano 1958 baixo as augas do río Xares no concello da Veiga (Ourense). Alberguería representa un fenómeno que se reproduciu en toda Galicia nos anos da ditadura franquista. Con esta proxección recuperamos un fragmento da historia para que non se repita e analizamos teses actuais que pretenden minimizar o problema dos encoros en Galicia. Aínda que o filme fala da época da ditadura franquista, Verdegaia comproba día tras día que seguimos tendo un problema de falta de planificación e de estudos de viabilidade económica, social e, sobre todo, ecolóxica, respecto das explotacións hidroeléctricas. Hoxe en día seguimos sacando notas de prensa e facendo alegacións a encoros que, se ben non teñen o impacto do encoro do río Xares en Alberguería, seguen sendo un atentado ecolóxico e unha cegueira ante a necesidade de aforrar enerxía.

De feito, non soamente este tema segue sendo de actualidade, senón que a provincia de Ourense, especialmente certos ríos, seguen sendo os máis castigados por este tipo de explotacións en pro dunha "eterna" "demanda crecente" de electricidade.