O martes 28 de Novembro, ás 20:00h no Centro Cívico do Casco Vello de Vigo (R/Oliva 12), terá lugar a presentación do libro Viaxe Ao País das Nubes. O autor, Manolo Pipas, membro do grupo GAIM (Grupo de Apoio @s Indíxenas Magonistas), daranos a coñecer entre poemas, reflexións e coloquios parte da cruenta situación na que as comunidades indíxenas mexicas están a desenvolver a súa longa e digna loita dende a resistencia pacífica.Presenta o acto o núcleo comarcal Verdegaia en Vigo.
A Outra Campaña, o CIPO (Consello Indíxena Popular de Oaxaca) e a organización das mesmas comunidades son boa mostra e froito da increible forza dun pobo que loita dende a resistencia pacífica pola defensa da súa cultura, da súa terra e da necesidade e dereito de decidir o seu destino…
Non máis que Terra e Liberdade é o reclamo unísono polo que o pobo indíxena, e aqueles que tentan dar a coñecer esta cercana realidade, está a sufrir e a ser aplacado de maneira violenta polas forzas federais e gubernamentais do país de Mexico.
Poucas destas tenaces voces conseguen atravesar o océano e abrirse oco na nosa necesidade de escoitar e aprender sobre outros modelos de vida, de xestión e de verdadeira loita pacífica polos dereitos e dignidade do ser humano.
Este martes, Manolo Pipas, tenderanos unha ponte dende Mexico ate Vigo para compartir as súas vivencias e darnos a oportunidade de coñecer ben esta outra realidade.
Para máis información sobre o movemento popular oaxaqueño, A Outra Campaña ou outras accións pódense consultar os seguintes enlaces: www.fugaenrede.info e www.nodo50.org/cipo