O 16 de febreiro de 2005 entrou en vigor o Protocolo de Quioto. Este acordo internacional aplícase aos países industrializados e fixa límites ás emisións de dióxido de carbono (CO2) e doutros gases que provocan o cambio climático. Se non se reducen drasticamente as emisións destes gases ao longo das próximas décadas, a comunidade científica advírtenos que as consecuencias ambientais, sociais e económicas serán moi negativas para o conxunto do planeta, tamén para a nosa terra. No marco do Protocolo, España comprometeuse a non superar en máis dun 15% as emisións de gases de efecto invernadoiro que había en 1990 para 2012. Porén, en 2006 xa emitiu un 52% máis, sendo o estado europeo máis afastado do cumprimento de Quioto. Galicia contribúe a iso, pois en 2005 xa emitira un 45 % máis que en 1990. O desafío do cambio climático, pola súa urxencia e dimensión, esixe unha resposta enérxica por parte dos poderes públicos e da cidadanía, moi especialmente nos países enriquecidos. Se ao longo dos próximos 10-20 anos non se dá esa resposta, as consecuencias do cambio climático serán moi desastrosas. O cambio climático é unha ameaza certa, mais tamén unha oportunidade para impulsar a transición cara a sustentabilidade. Cumprir o Protocolo de Quioto a través de cambios estruturais, sobre todo nos sectores da enerxía e do transporte, é unha contribución moi valiosa para unha Galicia e un mundo sustentables.
|
|