Artigo de Cristina Álvarez Baquerizo, avogada ambientalista, publicado por Efe Verde, o 8-03-2015.
No transcorrer do meu exercicio profesional traballei con ecoloxistas ou conservacionistas e tamén con cazadores. E como nos últimos meses existe algo parecido a un debate entre uns e outros, tiven ocasión de repasar as miñas opinións ao respecto. Acho que todos coincidiremos en que é imprescindíbel un entendemento entre eses sectores. Porque a caza é una actividade que se desenvolve no medio natural, que precisa dunhas especies de fauna e inflúe noutras. A súa existencia debe terse en conta e debe estar ben regulada.
“Iso querería dicir que todos estes sectores deberan sentirse cómodos, e que a actividade da caza debería resultar nun balance positivo para todos, o que non esta a acontecer hoxe.”
A razón pola que ese dialogo non está a funcionar é que entre ecoloxistas ou conservacionistas e cazadores, existe un claro desequilibrio a favor dos cazadores, que son, dende o meu punto de vista e con moito, o sector máis afortunado dos que citei.
Vexamos:
Os cazadores moven moitísimos cartos. Segundo José Luis Garrido Martín Director Xeral de FEDENCA – nunha publicación subvencionada presentada nun foro subvencionado[1]– os cartos xerados pola acción de cazar as especies de caza menor acadarían os 741.000.000 €, mentres que os inducidos pola caza maior son 303.359.650 €. Aquí temos unha formidable cantidade, que dota aos cazadores dun innegable protagonismo na economía e o desenvolvemento rural. Pero, vaia, iso non parece repercutir como debera no benestar común, xa que en realidade, e segundo a mesma fonte “a caza é unha actividade con moitas facetas de economía oculta” (sic). A razón de que non se coñeza exactamente canta economía oculta sobrevive na caza é a falta de datos. Podería facerse unha enquisa, claro, como noutros países, pero parece que iso aquí non funcionaría senón que serían “enquisas que proporcionarían moitos datos estimados e, polo tanto, tamén de fiabilidade limitada” (sic). Vaia, que debemos supor que se dirían mentiras. Adicáronse moitos esforzos a investigar sobre como aflorar o diñeiro oculto ou cando menos cuantificalo, incluso existiron iniciativas parlamentarias como o grupo que en 2003 ocupouse do asunto coordinado pola secretaría técnica do Grupo Parlamentario do Partido Popular, e coa participación moi activa da Real Federación Española de Caza (RFEC). Mais nada, non aflora. “A maioría das partidas son pagadas polos cazadores sen recibir ningunha factura ao respecto. Con carácter xeral, os pagos por cacerías, que é a partida máis grande do estudo citado, non dispoñen de ningún rexistro contábel nin declaración á facenda pública” (sic)
Pola contra, os grupos conservacionistas moven bastante menos diñeiro. E eses fondos, son exhaustivamente auditados, certificados, publicados, examinados e debatidos. Son tan transparentes que até Jara y Sedal pode publicalos. Se unha ONG non actuase dese modo, (aínda que algunhas delas non aceptan subvencións ou contratos públicos) non recibiría un euro de ningún ente nin publico nin privado. Ningún cidadán pagaría cota algunha. Esa é a primeira razón pola que penso que os cazadores teñen moita sorte e afórranse moito papeleo e uns bos cartos en impostos que os ecoloxistas teñen que pagar. Primeiro desequilibrio.
Os cazadores aprópianse de recursos que non son seus. A verdade, aínda que esquecémola decote, é que salvo no caso das granxas cinexéticas, o que os cazadores capturan ou matan son animais que non lles pertencen. Tampouco pertencen aos demais, nin son comúns. Segundo o dereito, a fauna silvestre segue a ser “res nullius”, é dicir, non teñen dono. Pero unha vez, por exemplo, que unha finca foi valada, para que os cervos non escapen, os propietarios do couto e os cazadores actúan como se eses cervos fosen seus. E ademais, xestiónanos, poderiamos dicir “cóidanos”. E… a ninguén se lle move un músculo mental ao pensar nisto? Porque se alguén aprópiase dun animal, aliméntao e facilítalle a vida para obter de el un beneficio, ese alguén é un gandeiro, non un cazador. Os cazadores e os donos de acoutados escabúllense desa acepción e afórranse o pesadelo burocrático da lexislación gandeira. Un choio. Nin rexistros, nin guías, nin condiciones zoosanitarias, nin, por suposto, benestar animal. Despois de todo, os animais non son seus. En cambio, os ecoloxistas traballan coas poboacións de fauna silvestre a favor da súa recuperación pondo os seus recursos e medios en favor de algo que ven como realmente común, do que non teñen a menor intención de apropiarse. E non se quedan con nada. Segundo desequilibrio.
Os cazadores e a Lei. Segundo fontes fiables como as memorias da Fiscalía Coordinadora de Medio Ambiente e Urbanismo[2], e os Informes anuais do Seprona, os delitos e infraccións ambientais en xeral diminúen, excepto os cometidos contra a fauna, e dentro desta, os cometidos polo exercicio da caza. A batalla en torno aos métodos ilegais de caza estase a dar en dous planos; por un lado, estanse a modificar as leis para tratar de legalizar métodos de caza non selectivos ou cruentos, mentres que por outra parte estanse a usar ilegalmente na practica. Séguense a colocar crecentemente cepos, séguese a empregar o veleno. Ultimamente vólvense ver disparos contra especies ameazadas. Porén, os ecoloxistas vense na obriga dun respecto estrito da legalidade en todas as súas actuacións. E ademais, e moi ao seu pesar, vense na obriga de actuar moitas veces como asesores gratuítos das administracións públicas (actividade ben diferente ao lobby, xa nos gustaría), porque estas, en definitiva cambian cada catro anos e sempre comezan a comprender cando se van, así que si, os ecoloxistas, que non mudamos cada catro anos, debemos coñecer a lei e debemos ensinar aos demais como aplicala. Terceiro desequilibrio
Non sei vostedes pero eu diría que un colectivo tan afortunado como o dos cazadores, que manexa diñeiro en economía oculta que non tributa, emprega para un uso privativo recursos que non lle pertencen e ademais incumpre a lei con frecuencia, debería mostrarse humilde cando fai referencia á cidadanía que directamente ou a través das organizacións que a representan, expresan as súas posicións sobre o mellor modo de protexer a natureza. Mostrarse humilde e debater con algunha clase de elegancia moral. Estamos moi necesitados diso, ademais.
[1] “La Caza, Sector económico” Papel presentado no Foro de la Real Federación Española de Caza sobre “La responsabilidad de los accidentes de tráfico con fauna silvestre” en Madrid, 6 de xuño de 2012
[2] Véxase en particular a de 2013