Vén de se publicar o número dez da revista Cos Pés na Terra, unha revista electrónica para a información, a reflexión e o debate sobre o medio ambiente e a sustentabilidade. Inclúe unha entrevista con Andrew Dobson, un dos máis destacados investigadores do pensamento político verde,  e artigos verbo dos campionatos de caza do raposo, o consumo de auga en Galicia e o novo canon da auga, a pegada ecolóxica global e a achega  da agricultura  á mudanza climática. O editorial defende a necesidade e a viabilidade de prescindir das nucleares e das térmicas de carbón. Os libros reseñados neste número son “La quiebra del capitalismo global” e “Antropoceno”, ambos os dous de Ramón Fernández Durán.