
En medio das mobilizacións polo ataque á “Flotilla da Liberdade” que provocou a morte de 19 persoas e decenas de feridas, ademais do trato vexatorio e a expulsión do resto das ocupantes da Flotilla, Amarante e Verdegaia en colaboración co Cineclube Lumiere de Vigo, propoñen a proxección deste documental como espazo de encontro e reflexión sobre a situación do pobo palestino.
Con esta actividade, que empezou a ser ideada fai uns meses entre as entidades organizadoras, pretendíamos denunciar a grave situación humanitaria da poboación palestina debido ao bloqueo e ao réxime de apartheid imposto por Israel. Ademais de recordar o masacre perpetrado en Gaza fai aproximadamente un ano, no que decenas de millares de persoas perderon a vida, coa proxección deste documental queríamos denunciar a actual política sionista que se vertebra no control e persecución da poboación e do territorio palestino e na apropiación dos seus recursos naturais.
Mais neste momento en que a cortina de fumo mediática imposta polo estado sionista nos impide saber con exactitude o número de vítimas e feridos e no que ameazan con atacar aos próximos buques humanitarios e a seguir co bloqueo, aproveitamos esta proxección para sumarnos ao movemento internacional de protesta contra a ocupación.
Como demandan organizacións de base palestinas como os Comités de Resistencia Popular, facemos un chamamento á loita non violenta como mecanismo contra o bloqueo e a ocupación dos territorios palestinos e apoiamos as medidas de presión que xa se están empezando a articular en todo o mundo.
Sobre o documental “Checkpoint”
Anos despois de ter sufrido en persoa o ataque de Israel sobre o pobo palestino nunha viaxe realizada a ese país, Fermín Muguruza decide achegar a través do cine outra realidade dentro da mesma opresión. Músicos de toda Palestina denunciando as condicións de vida ás que están sometidas as persoas do país, cantando en árabe e reivindicando a liberdade que lles foi arrebatada.
O documental ten como fío conductor a figura do poeta palestino Mahmoud Darwish que faleceu no ano 2008 antes da entrevista concertada con Fermín Muguruza. A dedicación deste autor á liberación do seu pobo e a creación dunha obra que permanecerá para sempre nas librerías de todo o planeta queda patente en toda a película. Poemas cantados con música tradicional, música rock ou hip-hop. Calquera xeito e bo para trasladar a esperanza da liberación.
Agardámosvos o luns día 7 para compartir entre todas os nosos coñecementos e sentires sobre a situación que vive Palestina e solidarizarnos co seu pobo e coas activistas atacadas na Flotilla da Liberdade