Ecoloxistas en Acción vén de presentar a súa proposta de xeración eléctrica para 2020 que formula unha redución do 26% do consumo eléctrico, do 45% de emisións e inclúe o peche das centrais de carbón, fuel e nucleares para 2020. O 72% da electricidade sería de fontes renovables. Segundo a organización ecoloxista, trátase dunha proposta tecnicamente detallada e, polo tanto, realista e necesaria. Inclúe unha análise dos impactos que virían como consecuencia da instalación de tanta potencia renovable e o tendido eléctrico conseguinte.
Ecoloxistas en Acción presentou a súa proposta de xeración eléctrica para 2020. A presentación en sociedade da proposta tivo lugar na súa sede de Madrid, por parte de Luis González, Coordinador da Confederación Estatal, e de Javier González, Coordinador da Área de Enerxía. Esta proposta é froito dun ano de traballo intenso a nivel estatal e ten contado coa participación activa de expertos en todos os campos, non só no enerxético.
Entre as características máis importantes da proposta salienta a redución do consumo de enerxía, tanto eléctrica (26%) como primaria (42,2%) e final (34,5%), a respecto de 2009, en que se encadraría a proposta de "mix" eléctrico. Con esta redución as emisións globais alcanzarían unha diminución do 45% a respecto de 1990, e as do sector eléctrico un 73% a respecto de 2009.
Para a organización ecoloxista, estas cifras mostran o enorme esforzo que cómpre facer para diminuír as emisións até os límites aconsellados polo Panel Intergobernamental para o Cambio Climático de Nacións Unidas (IPCC), e non superar os 1,5ºC de aumento de temperatura que levaría consigo consecuencias catastróficas e irreversibles para o planeta. Tamén mostra a posibilidade de transitar dun mundo post-fosilita neste momento no que probablemente esteamos a atravesar o pico do petróleo.
Un terceiro aspecto que aborda é a necesidade de redución do consumo, pois o de España universalizado requiriría tres planetas.
Por último amósase, na mesma liña, o ridículas que resultan as propostas dos gobernos que din querer tomar medidas co mesmo obxectivo.
Outra das características diferenciadoras do documento é a súa análise dos impactos que virían como consecuencia da instalación de tanta potencia renovable e o tendido eléctrico conseguinte. Estes impactos, menores en calquera caso que os ocasionados polas fontes de xeración eléctrica convencionais, son asumidos pola organización, ás veces con carácter transitorio, como necesarios para camiñar cara a unha cobertura da demanda 100% renovable.
Dentro da proposta en si, sobresae o feito de poder prescindir en tan só 10 anos das centrais de carbón, fuel e nucleares. O peche destas últimas, quizais un dos aspectos máis significativos, é un obxectivo histórico das organizacións ecoloxistas, e vese apoiado neste caso ademais pola súa nula flexibilidade no sistema eléctrico, co que estorbarían a entrada do volume de renovables proposto.
Tamén se analiza no documento o novo tendido eléctrico e os seus impactos, e a necesidade dunha nova regulación do sistema eléctrico. Unha nova regulación que, en ocasións, segundo os voceiros de Ecoloxistas en Acción, implicaría unha titularidade pública das instalacións, o que permitiría avanzar, xunto a outras medidas, cara a un maior control social deste ben básico.
O apoio institucional ás enerxías renovables é, como era de esperar, outro dos fundamentos para atinxir as porcentaxes de cobertura propostas. Este apoio ten que ser decidido, co obxectivo de desprazar dunha vez por todas as formas de xeración procedentes de combustibles fósiles e nucleares, segundo os ecoloxistas.
Outra das políticas básicas a abordar é a de prezos. É imprescindible, segundo os ecoloxistas, un sistema de tramos que garanta o consumo básico a toda a poboación e penalice os consumos suntuosos. Este sistema, ademais, debe encarecer a electricidade dos grandes consumidores industriais.
Como conclusión, ambos os dous voceiros fixeron fincapé en que "o camiño cara a un sistema eléctrico 100% renovable, no marco dunha sociedade sustentable dende todos os puntos de vista, non é unha utopía. É posible se hai vontade política. Propostas como esta demóstrano".
Documento: