branhassur1984_bxa.jpgVerdegaia vén de apresentar unha proposta de educación ambiental para a xestión participada das Brañas de Sar. O documento foi dirixido a tres concellarías de Compostela con implicacións no asunto: urbanismo e educación, ambiente e sustentabilidade, e participación cidadá.

A meio de diferentes reviravoltas administrativas, vénse de eximir por parte da Xunta da preceptiva Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) do plano de ordenación urbanística especial para o espazo brañego da nosa cidade. Verdegaia participou nese proceso público, sendo desconsideradas as súas achegas argumentando que non eran precisas por emanar a ordenación dun PXOM. Mais o PXOM foi tamén eximido extraordinariamente da AAE por disposicións transitorias autorizadas polo Consello da Xunta.

A senlleira valía ecolóxica e etnográfica do espazo é recoñecida no informe previo redixido pola equipa de arquitectura ambiental do afamado Albert Cuchí, que foi contratado pola concellaría do Ambiente para definir a estratexia verde da cidade. Lamentabelmente o camiño que se está a seguir é outro. O documento de inicio apresentado pola concellaría do Urbanismo, lonxe de solucionar as graves agresións que está a padecer esta paraxe, propón o incremento da presión urbana coa construción de máis rúas, edificios e instalacións.

Semella tamén, á vista das ideas propostas, que o plano urbanístico podería estar a agochar a coñecida teima de achegar artificialmente a Cidade da Cultura ao centro da urbe, domesticando a paraxe natural cara a unha continuidade urbana.

Verdegaia entende este plano como unha oportunidade privilexiada para a cidadanía gozarmos dun espazo brañego ben conservado como área verde na cidade, con toda a súa rica e particular biodiversidade e as súas vitais funcións ecolóxicas con tan importante influenza nunha ampla contorna do concello.
A resultas da reunión que tivo a asociación ecoloxista hai unhas semanas coa concelleira do Ambiente e a Sustentabilidade, e alén de demandar unha mudanza radical no encamiñamento deste proxecto, Verdegaia fai unha proposta para un proceso de educación ambiental que facilite a cidadanía compostelá:

1.- comprender a importancia de  mantermos e gozar na cidade de espazos naturais de alto valor ambiental -como as Brañas de Sar- en condicións naturais orixinais e non antropizadas, fronte á cultura asentada e os referentes únicos, até o momento, dos parques e xardíns artificiais na urbe; e
2.- participar nos procesos de decisión, recuperación, xestión e conservación do espazo cunha implicación social ampla e de calidade.

O documento artéllase nun primeiro bloque que afonda na necesidade de estudos ambientais e etnográficos; e nun segundo, que debulla aspectos de educación e información ambiental, procesos participativos e execución de decisións. Finalmente propónse que unha iniciativa deste tipo sexa adxudicada a unha equipa especializada en educación ambiental que sexa neutra para resaltar o verdadeiro valor e protagonismo da achega viciñal.

Proposta de educación ambiental para unha xestión participada das Brañas de Sar