Foto NP Corredor CiclableCo gallo da celebración do Dia mundial da bicicleta este venres 19 de Abril, Verdegaia presentará á concellería local de Mobilidade unha proposta para potenciar a utilización da bici como medio de transporte alternativo na cidade de Vigo.

A bicicleta promove un estilo de vida saudable fronte ao crecente sedentarismo da sociedade, non xera contaminación atmosférica nin acústica e evita que as rúas estean ateigadas de coches e motos que a diario xeran contextos de perigo para os demais usuarios da vía pública.

Ademais dunha magnífica forma de realizar deporte, a bicicleta ven asumindo un papel principal na xestión da mobilidade urbana. Segundo dados da DGT, cerca de tres millóns de persoas utilizan a bici a diario e dende 2008 os desprazamentos ao local de traballo/estudio aumentaron preto dun 60%[1].

Esta evolución levou a que moitas cidades observen a bicicleta como o medio idóneo para solucionar os problemas de mobilidade urbana. De tal modo que en 2009 creouse a Red de ciudades por la bicicleta, á que xa pertencen máis de 50 concellos e consorcios de transportes, co obxectivo de promover o uso da bicicleta como medio de transporte alternativo nos desprazamentos urbanos[2].

Dende Verdegaia estamos convencidos que na nosa cidade tamén podemos aproveitar o potencial da bicicleta, e unha simple análise da topografía urbana descúbrenos diversos tramos perfectamente ciclables.

A creación dun carril bici entre a praza América e García Barbón xeraría unhas condicións excelentes para desprazarse con seguridade entre unha das zona máis poboadas da cidade e o centro por rúas sen apenas pendentes (López Mora e Pi y Margall). As medidas que tivemos ocasión de presentar con anterioridade á humanización destas rúas manteñen a súa idoneidade, xa que permitirían a circulación en ámbalas direccións e deste modo crear un verdadeiro corredor ciclable na cidade:

  • colocar un semáforo específico para bicicletas na intersección de López Mora con Camelias, de modo a permitir o acceso a López Mora vindo de praza América;
  • carril exclusivo para bicis no tramo de López Mora entre Camelias e o cruce con Pintor Lugrís;
  • compartir o carril bus no resto de López Mora e en Pi y Margall;
  • compartir o carril bus en García Barbón entre Colón e República Arxentina.

A implantación destas medidas acompañada de campañas de sensibilización sobre a necesidade de respectar a velocidade máxima, todo o treito é actualmente Zona 30, crearían as condicións necesarias para normalizar o uso da bicicleta e garantir a seguridade dos que xa a empregan.

Para unha correcta implantación destas medidas é fundamental que o concello retome a ‘Comisión municipal da bicicleta’, órgano consultivo creado en Abril de 2005 pero que non é convocada dende o 2006 e que, tal como ocorre noutras cidades, debe constituír o foro no que autoridades e ciclousuarios poñen en común proxectos e inquedanzas para determinar as medidas máis apropiadas para promover o uso da bicicleta.
______________

[1] http://www.dgt.es/revista/num211/reportajes.html

[2] http://www.ciudadesporlabicicleta.org/content/objetivos