Os partidos teñen que dar exemplo na xestión de residuos e non poden participar na lacra que supón o abandono de lixo

Máis de un mes despois da celebración das eleccións ao Parlamento de Galicia, seguimos encontrando propaganda dos partidos marquesiñas e farolas. Son carteis que pouco a pouco van perdendo o pegamento que os suxeita ata que o vento os leve á pola dunha árbore ou ao leito de dun río. Pero o legado da campaña tamén se estende a bandeiríns en farolas, faixas colgadas nas estradas,… só limitado pola imaxinación e desleixo dos promotores das campañas dos partidos.

Unha simple análise dos programas electorais permite detectar innumerabeis afirmacións que entran en clara contradición co modo en que os partidos xestionan os materiais que utilizaron durante a campaña electoral:

PP: “axudas directas ás empresas que desenvolvan iniciativas de prevención de residuos ou de preparación para a reutilización”

BNG: “Desde sempre o BNG propuxo e defendeu unha política de residuos baseada na prevención (antes denominada redución), na recuperación e na reciclaxe

PSOE: “…aumentando a porcentaxe de residuos reciclados e minimizando aqueles que non reciben tratamento

EN COMÚN: “Apostamos por unha nova xestión de residuos sustentable ambientalmente”

Perante tal nivel de incoherencia, é de esperar que estas organizacións teñan realmente vontade de solucionar os problemas aos que se afronta o país e en concreto a xestión de residuos? Os partidos políticos asumen claramente a máxima de ‘Escoita o que digo, non mires o que fago’.

É por iso que Verdegaia ven de denunciar diante da Xunta electoral o abandono da propaganda electoral para que modifique a normativa e obrigue os partidos a facerse responsábeis de retirar toda a propaganda utilizada nun prazo determinado.

Da mesma forma presentamos unha proposta en diversos concellos de todo o país nos que detectamos propaganda abandonada para que se actúe de oficio contra estes actos incívicos e que en moitos concellos vulneran a normativa que prohibe expresamente a pegada de carteis fora dos locais habilitados para tal efecto.