Oito organizacións, entre elas Verdegaia, veñen de se dirixir aos Ministerios de Asuntos Exteriores e Medio Ambiente, así como a eurodeputad@s do Estado español denunciando o emprego para a privatización da auga de fundos da UE para Cooperación ao Desenvolvimento. A iniciativa fai parte dunha campaña internacional apoiada por decenas de organizacións.
Ecologistas en Acción, Ingeniería sin Fronteras, OMAL, ODG, ¿Quién Debe a Quién?, Attac, ACSUR-Las Segovias e Verdegaia denunciaron a participación do Servizo de Cooperación Europe-AID no consorcio PPIAF (Public-Private Infraestructure Advisory Facility, Servizo de Asesoramento para Infraestruturas Público-Privadas), que contribúe á privatización da auga e o saneamento en países receptores de AOD (Axuda Oficial ao Desenvolvimento), segundo un informe elaborado por WDM.
As organizacións asinantes da carta consideran o aceso á auga potábel un direito humano universal e imprescindíbel para a vida. As privatizacións dos servizos de abastecimento de auga potábel e saneamento adoitan, ademais, non satisfacer as necesidades mínimas dos sectores sociais máis pobres, como se ten comprobado en Cochabamba (Bolivia), varias cidades arxentinas e Dar es Salaam (Tanzania).
O PPIAF ten unha grande influencia política, o que lle permitiu implicarse en máis de trinta procesos de privatización nos sectores da auga e o saneamento. En 17 destes casos a privatización foi unha condición imposta polas institucións financeiras internacionais para o aceso a préstamos, condonacións de débeda ou doazóns. A UE aportou, desde 2005, dous millóns de euros a esta entidade.
As organizacións asinantes da carta solicitan á Comisión Europea que retire o seu apoio ao PPIAF e non lle aporte un euro máis, reorientando a súa acción cara a colaboración entre organismos públicos no sector da auga (PUPs, Public-Public Partnerships). A aposta polas PUPs, seguindo o exemplo da iniciativa WOP (Water Operators Partnership, Colaboracións entre Operadores de Auga) da ONU, podería ademais contribuír para avanzar no cumprimento dos ODM (Obxectivos de Desenvolvimento do Milenio) referidos ao aceso a auga potábel e saneamento.
Máis información:
http://www.ecologistasenaccion.org/article.php3?id_article=6894