A Presidencia da UE, que España exerce durante o primeiro semestre de 2010, representa unha oportunidade para iniciar un xiro no modelo socio-económico que nos levou á crise económica, social e ambiental en que estamos inmersos. A confederación estatal Ecoloxistas en Acción quere contribuír a este proceso apuntando algunas claves necesarias para esta mudanza.
Ecoloxistas en Acción acha que o Goberno español debe ante todo utilizar a posición de liderado que lle outorga a Presidencia Europea para iniciar o camiño cara á sustentabilidade, e para pór as bases dun sistema diferente cuxa lóxica de funcionamento non sexa o crecemento ilimitado, senón que permita que as actividades humanas se desenvolvan dentro dos límites físicos do planeta e con criterios de equidade.
En primeiro lugar, a Presidencia española debe entender que o crecemento económico é incompatible coa sustentabilidade. A máxima do crecemento económico duradoiro, estabelecido na Axenda de Lisboa, impediu o desenvolvemento dos obxectivos sociais e ambientais e incrementou as inxustizas no acceso aos recursos a nivel planetario. A nova estratexia de Lisboa (denominada estratexia UE 2020) que será revisada durante a Presidencia española, debe pór os límites ambientais do planeta no centro das decisións económicas. Así a UE debe acometer unha drástica redución absoluta do seu consumo de materiais e enerxía, así como das súas mochilas ecolóxicas, diminuíndo a súa pegada ecolóxica de forma sustancial a curto prazo e reparando a débeda ecolóxica contraída cos países do Sur mediante a explotación dos seus recursos. Traducido isto a temas candentes durante a Presidencia implica, por exemplo, renunciar á sinatura de Tratados de Libre Comercio entre a UE e distintos países ou alianzas en América Latina.
En segundo lugar, o fracaso do Cumio de Copenhague obriga á Presidencia española a tomar as rendas da política europea en materia climática. A UE, como un dos principais emisores de gases de efecto invernadoiro, debe dunha vez por todas asumir a súa responsabilidade e analisar o pobre papel e a ausencia de compromiso mantido en dito Cumio. A Presidencia española debe propor á UE unha redución doméstica do 40% para 2020 a respecto dos niveis de 1990, e un obxectivo intermedio do 23% de redución entre 2013 e 2017.
En terceiro lugar, durante 2010 celébrase o Ano Internacional da Biodiversidade, e a Presidencia española da UE debe decidir tamén o estabelecemento dun novo obxectivo para deter a perda de biodiversidade após o fracaso do obxectivo marcado para 2010. España debe estabelecer os mecanismos que permitan pór a biodiversidade no corazón de todas as políticas sectoriais, especialmente as de enerxía, transporte, agricultura, auga, industria e turismo. Asemade, a Presidencia debe emprender un proceso de reforma da política comercial da UE para reducir de forma drástica o impacto sobre a biodiversidade de países do Sur.
Mediante o documento de "Prioridades de Ecologistas en Acción de cara a la Presidencia de la UE 2010", onde se recollen estas e outras propostas, Ecoloxistas en Acción quere convidar ao Goberno español a que, aproveitando a Presidencia europea, inicie o camiño do decrecemento que permita avanzar cara a unha cultura de "vivir mellor con menos".
Máis información: