Superados os rigores do inverno e enfiados os traballos na viña, a Asociación Veciñal de Lentille volve convocar as Brigadas para outra xornada de desacaciación e convívio na nosa aldea. Será no sábado 1 de abril, mas non é asneira. De veras, contamos convosco!

Desta volta seguiremos avanzando na liberación de camiños veciñais do cerco da mimosa, descascaremos algúns peteiros illados en áreas onde xa vimos traballando hai anos, e axiremos sobre os tocóns dunha presa de eucaliptos que tiñamos e que foran finalmente talados e retirados. Logo os traballos serán variados. Non así o menú do alvaroque que insistirá na fórmula habitual: unha cremiña sustanciosa de verduras e as lasagnas da Su. Petiscos, viño, café e licores tampouco faltarán.

Queremos lembrar que a leña de acacia procedente da atividade das Brigadas en Lentille estará sempre ao dispor de iniciativas e proxectos sen ánimo de lucro que a precisen para o desenvolvimento da súa actividade en prol do ben común. A Asociación Veciñal de Lentille fica atenta a propostas e solicitudes en avlentille@gmail.com.

Para vos apuntardes é preciso, alén de serdes Brigadistas, enviar un correo electrónico a avlentille@gmail.com até o 29 de Marzo a máis tardar. As prazas son limitadas, non demoredes en vos animar. Vémonos no monte!

VÉMONOS NO MONTE!

A tua doazón conta!

Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.