Estupor polo nomeamento de José Luis Torres Colomer como presidente da Xunta Consultiva do Parque Natural de Corrubedo.
Verdegaia considera que o señor Torres non é a persoa adecuada para este cargo, por carecer de recoñecido prestixio científico ou técnico no ámbito da conservación da natureza e porque, pola contra, durante a súa traxectoria política levou a cabo actuacións que comprometeron gravemente o ambiente e o medio natural.
O pasado 16/12/2013 celebrouse a reunión da Xunta consultiva do Parque Natural de Corrubedo. Había 5 anos (desde o 29/07/2008) que non se convocaba, cando a Administración do Parque debería renderlle contas á Xunta Consultiva cada ano. As reiteradas solicitudes, por parte de distintos grupos ecoloxistas, de que fose convocada, non foron escoitadas durante estes cinco anos. Este abandono deu lugar, incluso, ao envío dunha queixa formal ao Valedor do Pobo .
Na reunión, ademais de expoñer a memoria de actuacións e iniciativas desenvolvidas no parque durante o período 2009-2013, presentouse o seu novo presidente, o señor Torres Colomer. Ao parecer, o nomeamento produciuse hai xa uns meses, pero lles non fora comunicado ao resto dos membros.
Verdegaia quere amosar a súa sorpresa e o seu malestar por este nomeamento.
Non entendemos cal é o criterio seguido para o mesmo. O decreto 139/1992, do 5 de xuño, polo que se declara Parque natural o complexo dunar de Corrubedo, di, no seu artigo 6º, que a xunta reitora estará integrada, entre outros membros por un Presidente, que será
“Unha persoa de recoñecido prestixio científico ou técnico no ámbito da conservación da natureza e coñecedor do territorio afectado polo parque. “
Consideramos que o señor Torres Colomer non ten nin unha formación nin unha traxectoria que garde relación algunha coa defensa da natureza. Non abonda con mandar plantar unha ducia de árbores cada ano na xornada do Día da Árbore para ser un defensor da natureza. Cómpre algo máis. Pero é que ademais, na súa traxectoria política o señor Torres fixo gala en moitas ocasións de actitudes contrarias a esa defensa.
Así, hai que destacar a permisividade do Concello de Ribeira durante o seu mandato para cos vertidos das empresas do polígono directamente á rede de sumidoiros, sen proceder á preceptiva depuración in situ, e provocando en numerosas ocasións cheiros por boa parte da vila difíciles de esquecer, ademais de contribuír á degradación da ría de Arousa, que actualmente se atopa nun lamentable estado.
Tamén queremos recordar, en relación ao Parque, que durante o seu mandato na alcaldía, o señor Torres Colomer situouse claramente do lado dos intereses urbanísticos, permitindo que se incumprisen as condicións establecidas pola normativa do Parque, e poñendo condicións favorables á edificación, mesmo ás veces contradicindo os informes negativos dos técnicos da Xunta.
Desde Verdegaia pensamos que este nomeamento dá unha idea da importancia que desde o goberno da Xunta se lle dá á defensa dos valores medioambientais: ningunha. O Parque de Corrubedo pasa do estado de absoluto desleixo no que se viu durante os últimos anos a outro que só podemos cualificar como de “raposo-coidando-das-galiñas”.