O pasado 10 de abril de 2019, a Sociedade Galega de Ornitoloxía en colaboración con Verdegaia, ten presentado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un escrito formulando un recurso contencioso-administrativo contra o Decreto 177/2018, do 27 de decembro, polo que se aprobaba o Plan Rector de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Tendo xa recibido o traslado do expediente administrativo correspondente, ambas entidades están analizando a documentación de cara a presentar antes do 08 de xullo os correspondentes motivos da denuncia.

Gaivota e Illa de San Martiño, nas Cíes Imaxe de ☣Banjo


O PRUX do PN das Illas Atlánticas estivo a exposición pública a mediados do pasado ano, proceso no que ambas entidades formularon as súas alegacións e comentarios nun proceso participativo, que se limitou na realidade a unhas breves e parciais respostas por parte da administración da Xunta de Galicia, que preferiu obviar e pasar por alto deixando sen respostar moitos aspectos que ambas entidades denunciaron. Cunha falta total de criterios de conservación e dunha mínima seriedade ás observacións realizadas por Verdegaia e a SGO, e nunha continua desconsideración ás queixas que a través dos dous representantes do movemento ecoloxista no Padroado do Parque Nacional tense nos últimos anos presentado, tomouse a decisión de presentar un contencioso-administrativo ante o TSX de Galicia.

O corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), nun moi acusado descenso das parellas reprodutoras nos últimos anos, non merece nin unha mínima atención no PRUX, optándose por obviar os censos realizados dos últimos anos, e mesmo publicados, pola propia administración, algo que será denunciado agora nesta vía xudicial aberta. A Xunta de Galicia, opta por non mencionar para non xestionar, algo que cremos é absolutamente condenable e contrario ó que un PRUX debe facer, e ademais nun Parque Nacional.

A pardela cincenta (Calonectris diomedea), recente niñificante no Parque Nacional é igualmente obviada a nivel de xestión, o mesmo que acontece cunha especie como o furabuchos balear (Puffinus mauretanicus), que mantén importantes zonas de alimentación e sedimentación no entorno do Parque, sendo unha especie catalogada pola UICN como en perigo crítico a nivel mundial, e considerada en Perigo de Extinción polo Catalogo galego e español de especies ameazadas.

Por último, outra especie como a gabita (Haematopus ostralegus), especie que con escasas parellas está a criar no Parque Nacional, e catalogada como Vulnerable polo Catalogo galego, non é nen mencionada.

No PRUX aprobado pola Xunta de Galicia amósase unha falta total de cumprimento dos máis básicos criterios de conservación e planificación da xestión daquelas especies que realmente lle deron valor para ser declarado o Parque Nacional. A Xunta de Galicia aproba un PRUX cunha vocación eminentemente turística do espazo protexido, obviando os seus principais obxectivos de conservación e incluso poñéndoos en risco.

Como mostra do retroceso que este PRUX pretende levar a cabo, en canto a medidas de conservación, na zonificación resultante, a zona mariña de reserva é dun rotundo 0 % do total, e a zona mariña de uso moderado (reserva) só dun 1,2% só do entorno do arquipélago de Cíes, e cunha falta de avaliación cun mínimo grado de detalle do impacto de certas artes de pesca como o enmalle, nas zonas de alimentación do corvo mariño cristado, que probablemente estean afectando moi directamente ás cada vez menor numero de parellas reprodutoras desta especie.

As entidades asinantes amosan a súa total preocupación ante o recente debate en torno a nova Lei de Patrimonio Natural, que non mostra ningún síntoma de mellora e corrección a fin de poder evitar feitos como os expostos e que motivaron a presentación deste contencioso.