Verdegaia presentou en colaboración coa Plataforma en defensa da Cordilleira Cantábrica alegacións moi críticas ao anteproxecto de lei de Montes da Xunta de Galicia. Estas asociacións destacaron o turbio e escaso proceso de participación pública do documento, tan importante para o futuro do sector e dos ecosistemas forestais galegos.

As alegacións centráronse na superficie minima requirida para que as parcelas sexan consideradas como monte, xa que esta pode contribuír á destrución de moitas teselas de vexetión autóctona, na escasa búsqueda de participación social e consenso público do documento, na tímida regulación dos usos das zonas queimadas que non parece buscar a solución dalgunhas das coñecidas causas de incendios forestais, na intención de facilitar o cambio de uso forestal a agrícola e na débil tentativa de regular e promover a restauración hidrolóxica forestal cun artigo pouco desenvolto e escaso de compromisos.

No borrador tampouco se regulan coa énfase necesaria as actividades gandeiras e as repoboacións en medios ecoloxicamente sensibles.

Por outro lado, non se aprecia un interese en potenciar os outros usos e aproveitamentos do monte e só se fai referencia á madeira como motor económico do sector forestal. Non se busca tampouco fomentar o emprego das faixas verdes de vexetación e outras alternativas para a defensa de incendios forestais coas habituais extensas e impactantes pistas e devasas contralumes ou os custosos desbroces.

Pódese comprobar tamén unha escasa regulación do aproveitamento da biomasa onde as restricións por razóns ecolóxicas da actividade brillan pola súa ausencia.

O borrador de lei non recolle ningún dos requisitos necesarios para a obtención dalgún dos certificados de aproveitamento forestal sostible, sendo estes selos imprescindibles actualmente para a saída ao mercado de moitos dos productos forestais.

Non se recolle ningunha diferenciación en canto á xestión forestal nas áreas protexidas, nin prescricións ou regulacións para a realización de queimas controladas, as cales moitas veces se levan a cabo en espazos protexidos e durante a época de cría de moitas especies, algunhas delas ameazadas como a Tartaraña cincenta Circus pygargus. Tampouco se aprecia interese en mudar prácticas desterradas noutros paises pola súa afección ambiental tales como as habituais queimas de refugallos en fincas agrícolas ou o uso neglixente e incontrolado de pesticidas e fitosanitarios.

Cremos que o borrador de lei carece de ambición e de sensibilidade ambiental xa que, por exemplo, o control de especies invasoras e a necesidade de fomento das madeiras nobles (entre outros produtos forestais tratados como secundarios pola administración galega) son aspectos que apenas contempla o documento.

Desexamos que a pesar do reducido proceso de participación pública, o borrador de lei reciba numerosas alegacións que contribúan a que a Administración galega entenda a necesidade de consenso público e perspectiva de futuro que necesita un documento tan importante que definirá o futuro da comunidade galega en materia forestal.