O venres 17 de decembro Verdegaia vai presentar ás sete e media da tarde no Centro Social do Concello de Boiro o documental "Gran Superficie", de Ecologistas en Acción. A dita proxección invítase á cidadanía en xeral do Concello. Durante a proxección vaise debater e reflexionar sobre ás nosas actitudes e comportamentos fronte ao consumo, especialmente nun Nadal en tempos de crise.
Interésanos particularmente a participación da xuventude e de aquelas persoas que teñan responsabilidade na educación como o profesorado ou as familias. Por este motivo, estamos a invitar expresamente ás ANPAs do Concello e aos centros de ensino.
Queremos que o documental sirva para reflexionar sobre o impacto que a publicidade ten nas nosas vidas, a influencia das marcas no noso comportamento persoal ante as demais persoas, a importancia da educación no consumo e a súa influencia de cara a frear o consumismo, a posta en valor do consumo de proximidade, e mesmo da influencia do consumo na nosa (in)felicidade.
O documental consta de oito capítulos: I. Publicidade, II. Estratexias, III. Alimentación e estética, IV. Educación, V. Consumo, VI. Grandes superficies, VII. Contorna, e VIII. Infelicidade.
A entrada é de balde. Para máis información contactar con Nacho Jorganes (607 446 536)