A confederación estatal Ecoloxistas en Acción presentou o informe "Inmisiones de mercurio de la industria clorocáustica 2006-2010" coas medicións de mercurio realizadas este verán preto das fábricas de cloro que utilizan mercurio, comparándoas coas realizadas en 2006 e 2007. As análises foron efectuadas polo laboratorio de Bioxeoquímica de metais pesados da Escola Universitaria Politécnica de Almadén (Ciudad Real) da Universidade de Castela-A Mancha.
Tanto en Lourizán (Pontevedra) coma en Flix (Tarragona) detectáronse uns níveis moi elevados de mercurio en aire que superan de sobra o límite marcado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para a exposición crónica. Tamén se encontrou mercurio nos solos das hortas. Estes resultados volven indicar claramente que a industria do cloro emite moito máis mercurio do que declara oficialmente, poñendo en risco a saúde da veciñanza e a calidade do peixe que consumimos.
Hoxe en día, todo o peixe que consumimos está contaminado por mercurio e as cantidades de mercurio presentes no medio e no noso corpo seguen aumentando. Hai anos que a ONU e a Unión Europea alertan da urxencia de controlar este problema de saúde pública. A situación é de máxima alerta en todo o mundo; non obstante, no Estado español as autoridades non se deciden a tomar medidas.
O mercurio pode formar metilmercurio, que se acumula e concentra nos ecosistemas acuáticos e en grandes peixes (atún, quenlla, peixe espada,…). O metilmercurio é un neurotóxico que pode afectar á formación do cerebro, polo que é moi preocupante a exposición durante o embarazo ou a lactación. Así mesmo, pode causar danos no sistema cardiovascular e un incremento na mortalidade.
O mercurio tamén provoca trastornos neurolóxicos e de comportamento: tremores, fraxilidade emocional, insomnio, perda de memoria, mudanzas no sistema neuromuscular, dores de cabeza, fallos no ril e a tiroide. O Centro Internacional de Investigación sobre o Cancro considera que os compostos de metilmercurio poden ser carcinóxenos.
As principais consumidoras de mercurio en España son as plantas de cloro-sosa con celas de mercurio, unha tecnoloxía obsoleta, inventada no século XIX e superada dende hai tempo polo proceso de membrana, de produción limpa e que consume un 30% menos de enerxía.
Ecoloxistas en Acción esixe que non se siga autorizando a produción de cloro con tecnoloxía de celas de mercurio (que non é unha Mellor Técnica Dispoñible, segundo a Directiva IPPC), que se obrigue as empresas a limpar os solos e augas que contaminasen e a indemnizar as persoas afectadas.
As medicións de Ecoloxistas en Acción encádranse dentro da campaña internacional Mercurio Cero.
Máis información: