Esta mañá a concelleira Elvira Cienfuegos recebeu unha delegación do núcleo comarcal de Verdegaia, que apresentara un documento de participación no inicio da Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) da Xunta para o plano especial que promove o concello neste espazo. O colectivo ecoloxista achegou a súa preocupación por que desde Ambiente da Xunta se resolvese finalmente que non era preciso continuar con este trámite ambiental en base a que o PXOM xa fora aprobado definitivamente cos preceptivos trámites. No mesmo documento tamén se recolle que a Xunta declarara a "inviabilidade do submetemento do PXOM á AAE", deixando na práctica, e até o momento, sen supervisión ambiental as actuacións nesta paraxe.
O proxecto, baixo o nome de "PLANO ESPECIAL DE ORDENACIÓN, PROTECCIÓN MELLORA AMBIENTAL E ACONDICIONAMENTO DAS BRAÑAS (PE-3R)", propón unha nova urbanización universitaria, novos edificios deportivos a carón do campo de fútbol e o multiusos, e mesmo novas vías urbanas da cidade. Tamén preocupa que as cartografías do documento reflectían (incomprensibelmente) recortes importantes ao espazo das brañas con respecto ao que recolle o PXOM. Mesmo fala con rancio desprezo das áreas brañegas máis auténticas (cualificándoas de residuais e marxinais) propondo en xeral a criación de espazos verdes antropizados no canto de preservar as súas verdadeiras cualidades.
A asociación ecologista quixo entregar en man o documento co que pretendeu participar no proceso que a Xunta ven de paralisar (xúntase copia). Nel recóllese como prioritario o saneamento do río Sar, a recuperación de áreas artificializadas, que se deteña a promoción das novas edificacións públicas e que se conserven e promovan as brañas como un espazo natural, auténtico, e moi característico da paisaxe e a ecoloxía galega; coa fortuna de térmolo no medio da nosa cidade.
A concelleira amosou coincidencia nalgunhas das focaxes e neste senso dixo defender o espazo na comisión na que se traballa coa concellaría de urbanismo que pilota este plano especial. Indicou tamén que se contaría coa opinión de Verdegaia nas seguintes fases de participación publica que se prevén. Por parte de Verdegaia propúxose, como unha idea, a elaboración dun programa de divulgación ambiental previo a calquera actuación para que a cidadanía poda coñecer e apreciar os valores e a importancia desta paraxe. A asociación continuará á procura de manter unha reunión tamén coa concellaría de urbanismo que de momento aínda non foi concedida.