En novembro de 2003, o concello de Compostela optou por se adherir a SOGAMA para a xestión dos RSU (residuos sólidos urbanos) nun pleno en que non se admitiu público e coa porta de Raxoi bloqueada por decenas de policías locais á espera de non se sabe qué. A maioría d@s representantes decidiu meter a capital de Galiza nun sistema xa naquel momento colapsado e fracasado, mais que ofrecía un prezo «político» por un servizo de xestión dos RSU que non se realiza efeitivamente; un prezo que, por certo, ten aumentado cos anos, por non falar das contrapartidas que a Xunta ofreceu ao concello por baixo da mesa.
Os resultados están á vista, coma no resto do país, mais desta volta imos focar a ollada nun aspeito que compete día a día o propio goberno municipal: o dos contedores para a separación e a súa distribución na cidade.
En Compostela, o número de contedores para a reciclaxe de papel e vidro non se adapta ás necesidades da producción deste tipo de residuos aprobeitábeis; nomeadamente, no que ten a ver cos locais comerciais -bares, restaurantes, supermercados-, que xeran importantes cantidades deles.
O problema é especialmente grave na cidade vella e outras áreas con rúas estreitas, onde precisamente hai moitos establecementos de hostalería. Se a dificultade é a falta de espazo, ese debería ser o factor que condicionase a distribución de contedores verdes. O que queremos salientar é que non é unha boa idea colocar contedores teoricamente para lixo orgánico (ou todo o que non sexa envases, papel e vidro), de cor verde, sen que os específicos de envases e, sobre todo (tendo en conta o modelo de tratamento ao que adheriu o concello) os de vidro e cartón estean ao pé mesmo destes.
A observación cotiá demostra que @s empregad@s destes establecementos deitan os resíduos no contedor máis próximo (e que non tod@s separan vidros e cartón malia produciren grandes cantidades). Sirvan como exemplos os casos de San Paio de Antealtares, Praza de Peixaría Vella, Praza da Oliveira, Santa Clara, San Pedro, Rúa das Ameas… por citar só algúns, mais o problema se repite en todas as áreas da cidade. Desgrazadamente, é necesario que non haxa un só contedor verde sen ter ao seu carón os outros tres, pois semella que cincuenta metros sexa unha distancia demasiado longa para a observación do civismo.
Un caso aparte é o do mercado de abastos, onde só existen contedores verdes. O concello, de quen depende o lugar, no dá aquí moi bó exemplo de separación de residuos.
Verdegaia demanda do concello que se faga un esforzo serio para 1) atender axeitadamente as proximidades de negocios de hostelaría, comercio, supermercados e establecementos semellantes, 2) que a distribución non sexa aleatoria e teña en conta a clase de resíduos producidos pola actividade comercial, 3) que se extenda a toda a área urbana o sistema de recollida porta a porta, 4) que, no canto de estaren aillados, os contedores verdes se dispoñan acompañados dos contedores necesarios para unha separación axeitada, e 5) que se tomen medidas efectivas para asegurar a separación de residuos en todo tipo de locais comerciais.