Praza de AbastosVerdegaia rexeita o proxecto de instalar dous restaurantes e oito locais de tapas na Praza de Abastos de Compostela e pide ao Concello que, en troques, empregue as capacidades á súa disposición para abrir un proceso de diálogo no que participen os sectores implicados e a cidadanía e mellorarmos así, en conxunto, o acceso e a presenza no mercado das persoas usuarias del, sexan produtoras, vendedoras ou consumidoras.

Segundo informacións recentemente recollidas por medios de comunicación locais1, o Concello de Compostela está a estudar un plano en virtude do cal engadirá ao programa de remodelación da praza de abastos a instalación de dous restaurantes e seis locais de tapas na nave número cinco.

Unha das xoias do patrimonio compostelán en uso, a Praza de Abastos, é un dous raros lugares do municipio nos que aínda é posible mercar produtos alimentarios directamente a quen os produce e, máis en xeral, iniciar relacións de intercambio apenas mediadas por intereses alleos. Asemade, é o fogar de iniciativas de alimentación ecolóxica e de comercio xusto, e lugar de socialización sinalado para a veciñanza da cidade. En especial, de entre todos os diversos eidos de Compostela, a praza de abastos é un sitio que funciona, como se pon de manifesto, invariablemente, cada vez que hai día de mercado.

Por iso, en Verdegaia, non vemos a necesidade de comezar a substituír un espazo valioso e útil para a cidadanía por unha zona de lecer gastronómico e explotación turística. Cómpre lembrarmos, para empezar, que xa existen no municipio áreas enteiras adicadas a esas actividades, como é o caso da Rúa do Franco, que, sen dúbida algunha, saberían aproveitar toda intervención do Concello encamiñada a mellorar as súas infraestruturas e potenciar o seu atractivo, e que non necesitan que parte do seu fluxo de clientes potenciais sexa desviado cara a outras zonas.

Froito de intervencións que, como esta que agora nos ocupa, pretendían chamar o turismo e a actividade económica, xa hai neste municipio diversos espazos baleiros que, con pouco investimento e escaso impacto para a cidadanía, que non os utiliza, poderían converterse en lugares de lecer gastronómico e de explotación turística. No entanto, a praza de abastos non é un espazo baleiro, senón un ámbito de alto valor e de uso cotián para a cidadanía e mesmo tamén para o propio turismo, que, saíndose do circuíto de pretendidas atraccións, acode a el para ver un mercado auténtico e tradicional, e insistimos, en funcionamento.

De continuar intervindo na praza de abastos, o Concello debería concentrarse, máis ben, en asegurarse de que o espazo aínda dispoñible no mercado, na nave número cinco ou noutros lugares, sexa utilizado por persoas ou iniciativas que potencien o mercado en canto que tal, na liña de fornecer, sanear e afortalar a ligazón entre as persoas que producen ou extraen alimentos e as persoas que os consumen, unha ligazón aínda máis importante, se cabe, por estarmos en Galicia en tempos de crise económica e alimentaria. Por iso, de Verdegaia, pedimos ao Concello de Compostela que recapacite e principie un proceso de diálogo no que participen os distintos sectores involucrados e a cidadanía para decidiren, en conxunto, que políticas aplicar no mercado e que metas buscar con esas políticas. Entre eses sectores, por certo, non poden faltar as persoas que producen alimentos e aquelas que buscamos exercer un consumo máis directo, local e responsable.