Perante as ultimas novas publicadas sobre a disposición do Concello de Vigo para crear un Punto Limpo na cidade por medio dun acordo cunha empresa concesionaria, dende Verdegaia queremos manifestar que dende hai mes es temos remitido diversos escritos ao Concello de Vigo , denunciando a ausencia dunha infraestrutura deste tipo e solicitando información sobre as perspectivas futuras neste eido, propoñendo asimesmo a posíbel utilización de fondos do Plan E II para este fin. Ningún escrito recibiu resposta algunha, malia ser esta preceptiva.
Vigo, a cidade con máis poboación de Galicia e a que máis residuos sólidos urbanos produce, carece deste tipo de instalacións básicas para a recolla dos residuos, coa que xa contan moitas vilas de menor tamaño.
A extensa normativa de residuos regula a recollida e tratamento dos residuos urbanos, e insta aos municipios a dispoñer de puntos limpos a tal efecto. Sirvan de exemplo a Directiva 2008/98/CE, da Comisión Europea, o Plan Nacional Integrado de Residuos para o período 2008-2015 (establece que todas as poboacións de máis de 5.000 habitantes deberían contar cunha instalación deste tipo antes do 2010) ou os documentos base para a elaboración do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020.
Xa no 2004 o Concello de Vigo acordou en Pleno unha moción para instar á Xunta de Galicia a levar adiante a construción dun punto limpo municipal, así como esixir da empresa concesionaria a posta en marcha dun punto limpo móbil e a recollida separada de residuos orgánicos.
No ano 2006, dende o Concello manifestábase que en lugar de un, dotaríase á cidade de oito puntos limpos, tal como se apuntaba no estudo de sostibilidade ambiental do borrador do PXOM.
Dende Verdegaia congratulámonos desta iniciativa que parecía querer resolver a vergoñenta xestión dos residuos urbanos de Vigo, pero o entusiasmo durou pouco ao ver que a situación non mudaba co paso do tempo. A realidade é que, a día de hoxe, maio de 2010, Vigo segue sen contar cun mísero punto limpo de recollida de residuos urbanos para o seu tratamento posterior.
Existen ademáis de este, outros motivos de preocupación:
·A empresa xestora do servizo de recollida de lixo, FCC, ten forte peso en Vigo, xa que ademais é a encargada do abastecemento e depuración de augas mediante a súa filial Aqualia e doutros servizos municipais. A consecuencia disto é que se teña calculado que por exemplo para o ano 2003 esta empresa manexara unha cuarta parte do presuposto municipal. O tamaño da empresa concesionaria a fai capaz de asumir este tipo de servizos, pero tamén de presionar ao Concello para reducir os seus custes.
• Existen precedentes preocupantes de solucións ineficaces aos problemas dos residuos na nosa cidade, nomeadamente o caso do tratamento das augas. Tanto a EDAR existente no Lagares como a que se pretende construir no seu lugar non aportan solucións globais, permanentes e eficaces á grave situación de contaminación da Ría de Vigo.
A recollida e tratamento de residuos urbanos vai máis alá da simple recollida selectiva. A propia Directiva 2008/98/CE establece como unha das prioridades a valorización destos residuos. Para isto é preciso un plan integral de recuperación e un tratamento axeitado do segmento orgánico. A valorización inclúe medidas como a reciclaxe, a compostaxe ou o aproveitamento enerxético.
En definitiva, un punto limpo non debe ser simplemente un almacen temporal clasificador do lixo, a solución a un problema de tanta magnitude non é reorganizar o noso lixo. Recordemos que SOGAMA é incapaz actualmente de asumir a xestión de todo o lixo que recibe, xa que as súas instalacións teñen capacidade para tratar unhas 500.000 toneladas anuais, cando está a recibir unhas 900.000 toneladas.
• Por todo isto dende Verdegaia pedimos que o Concello de Vigo asuma a súa posición dentro do problema derivado da xeración e xestión do lixo en Galicia, ao que contribúe dun xeito notábel, e aborde a necesidade dunha planificación integral que teña como obxectivos básicos a redución, o reaproveitamento e a valorización dos nosos residuos urbanos. Unha política deste tipo debería ir máis alá da mera xestión dos residuos, incluíndo medidas de prevención que actuen sobre o modelo de consumo, que é a verdadeira orixe do problema. Non podemos permitir que o criterio que guíe as actuación públicas sexa sempre reactivo, ante as multas europeas ou cando o lixo comeza a rebordar por todas partes, temos que esixir das administracións competentes unha abordaxe seria, real e duradeira destas cuestións. A creación dun punto limpo só para enmascarar a falta dunha política integral non faría máis que enquistar o problema, agardamos que o Concello de Vigo comprenda a gravidade da situación e actúe en consecuencia. Recordamos tamén que o alcalde desta cidade ostenta a presidencia da Rede Española de Cidades polo Clima, cargo polo que ten realizado múltiples viaxes para asistir a reunións e congresos estatais e internacionais, como a actual cita de Dunkerque na IV Conferencia Europea de Pobos e Cidades Sostibles. Pero a cidade de Vigo máis a cidade de Vigo non é un modelo de sostibilidade, segue sen contar con equipamentos básicos para a mellora do medio ambiente local como unha depuración e rede de saneamento efectiva das súas augas residuais, un tratamento axeitado dos residos urbanos ou unha rede de carrís bici, moito máis urxentes e necesarios desde o punto de vista ambiental e social que proxectos como os que se teñen presentado ultimamente en relación ao coche eléctrico. O medio ambiente non é un reclamo publicitario a maior gloria dun alcalde, nin a fórmula maxistral para tapar carencias na xestión pública, o medio ambiente é o lugar onde vivimos e viviremos.