ence_pontevedra-2.jpgVerdegaia oponse rotundamente ao traslado da planta de Ence-Elnosa dende Pontevedra a As Pontes por tratarse dunha industria altamente contaminante que ademais xa foi condenada por delito ecolóxico. Considera ademais que este tipo de industrias xa non teñen cabida en Galicia dentro dunha política de desenvolvemento sostible, polo que a única vía posible é o seu peche definitivo.

Por unha parte, resulta un exercicio de irresponsabilidade ética e política que o candidato socialista Valentín González reclame para o seu concello a instalación dunha industria que xa foi condenada por delito ecolóxico, por contaminar o aire e a ría de Pontevedra e que, segundo multitude de informes, supón un prexuízo para a saúde das persoas. Ademais ENCE incumpre a lexislación autonómica, a lexislación estatal e a lexislación comunitaria en materia de contaminación. Asemade González contradise cando, por unha parte, ofrece solo industrial e, por outra, di que non quere influir na mesa de negociación.

Segundo o biólogo mariño Alberto de Coo, que leva moitos anos loitando dende a Plataforma pola Defensa da Ría de Pontevedra, este tipo de plantas producen unha alta contaminación orgánica, por metais pesados como o mercurio e por derivados órgano-clorados. Se a planta de Ence en Pontevedra foi capaz de matar por si soa o ecosistema e a riqueza marisqueira da ría de Pontevedra, debemos supoñer que os danos que podería ocasionar ao río Eume e ao seu Parque Natural serían incalculables, por non falar dos cheiros insoportables que producen as emisións das súas chemineas.

Por outra banda, é unha contradicción evidente que sexa o propio conselleiro de Medio Ambiente quen afirme que a planta debe quedar en Galicia e quen propoña emprazamentos alternativos, cando o seu labor sería precisamente o de avogar polo peche definitivo da planta, posto que ten unha condena xudicial firme por contaminación das augas e do aire. Para facer tal defensa utiliza argumentos torticeiros tales como a abundancia de auga, cando agora mesmo o caudal ecolóxico do río xa está ameazado pola explotación que fai Endesa a través da súa planta térmica e da explotación hidroeléctrica do Encoro do Eume, iso sen falar do disparatado proxecto do creación dun lago artificial no furado mina de lignito, que ademais de afectar ao río conleva outros perigos ambientais (augas azedas, cambios no clima da zona, …) que os defensores do proxecto teiman en non querer ver.

Outro dos argumentos que esgrime Vázquez é a cercanía de As Pontes á zona de produción de madeira de eucalipto. Parece que fai así unha defensa dunha política forestal que favorece o cultivo de especies exóticas en detrimento das especies autóctonas. Hai que lembrarlle ao conselleiro que o cultivo de eucalipto favorece os lumes forestais e que vai en detrimento da biodiversidade e da paisaxe, que son outras fontes de riqueza que tamén deben ser tidas en conta.

Como conselleiro de Medio Ambiente, o que debería facer o señor Vázquez é negarse en rotundo á reubicación en Galicia dunha industria contaminante como Ence-Elnosa, e deixar de xogar a ser Deus, decidindo pola súa conta e sen consultar con ninguén cal vai ser a vindeira comarca que vai ser arrasada ambientalmente por Ence. Non entendemos por que se seguen a defender modelos industriais e económicos da época franquista sen nin sequera plantexarse a súa conveniencia e as súas posibilidades de futuro. Pensamos que neste caso trátase unha vez máis do servilismo da clase política galega (sexa da cor que sexa) ante os grandes poderes económicos, servilismo que transmiten á poboación en forma de promesas electoralistas de postos de traballo. Basta botar unha ollada a calquera páxina web de opinión para decatarse de que o pobo de As Pontes non está a favor da instalación desta planta no seu concello.

Verdegaia ofrece o seu apoio para loitar contra esta auténtica barbaridade ambiental, se fora preciso, xunto coas asociacións e a veciñanza desta localidade que tamén sexan contrarios a ela.