Verdegaia considera que se está a xenerar unha polémica innecesaria en torno á posible ubicación futura da planta de produción de celulosa de Ence-Elnosa. Consideramos que, se esta industria é altamente contaminante, a solución máis acorde co desenvolvemento sostible pasa polo seu peche definitivo e por novas políticas consensuadas sobre a produción e o uso do papel, onde teñan cabida a redución do consumo e o fomento do uso de papel reciclado. 

se está a crear unha polémica absurda, falaz e innecesaria sobre a futura ubicación da planta de produción de celulosas que Ence-Elnosa ten actualmente en Pontevedra. Ás recentes declaracións dos alcaldes de A Coruña e Ferrol opoñéndose á ubicación da planta nos portos exteriores de Punta Langosteira e Caneliñas, respectivamente, demostran claramente que ninguén quere afrontar ante os seus/as súas votantes o custo político de permitir esta barbaridade.

A empresa Ence-Elnosa foi condenada en firme por un delicto continuado de contaminación ambiental, ademais de xenerar unha forte oposición cidadá en Pontevedra, polo que reubicar a planta noutro lugar é simplemente cambiar o problema de sitio, non solucionalo. Ademais a empresa está a mentir continuamente sobre os seus niveis de contaminación por mercurio, segue a verter augas cunha carga contaminante moi superior á permitida pola lexislación actual e no ano 2007 foille denegada a solicitude de declaración de innecesariedade do dominio público marítimo terrestre das Marismas de Lourizán.

No que se refire á materia prima para a produción da pasta de papel, Ence-Elnosa é responsable tamén dunha das maiores catástrofes ecolóxicas de Galicia, como é a "eucaliptización" do país. A través da súa filial Norfor, Ence é responsable do cultivo de miles de hectáreas de eucalipto, cultivo que moitas veces se fai de maneira ilegal. Tal e como afirman dende a Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra, "o seu modelo de traballo forestal é altamente destructivo. Ao ser Ence o primeiro comprador de madeira de eucalipto exerce de feito como monopolio, establecendo uns precios á baixa para a madeira que arruinan aos propietarios. A xestión forestal de Norfor e Ence é manifestamente insostible social, económica e ambientalmente". Non deixa de ser sorprendente que ningún responsable forestal de Galicia se plantexe que no resto dos países de Europa tamén usan papel, e coa excepción de Portugal, en ningún deles se cultiva eucalipto.

O actual goberno galego non pode pensar en continuar con este modelo antisocial e antiecolóxico, e debería dar os pasos oportunos, de cara ao peche de Ence -Elnosa en 2018, tendo en conta a opinión de todos os sectores sociais implicados, cara a un modelo industrial sostible e compatible cos valores ambientais e naturais de Galicia.
Por todo isto, dende Verdegaia solicitamos á Xunta de Galicia que deixe de dar paus de cego no tema de Ence-Elnosa e que se abra inmediatamente un debate no que se escoite a todos os sectores sociais implicados para atopar unha solución que permita, por un lado, desbotar a opción do traslado de Ence-Elnosa e afrontar o peche definitivo da planta, e por outro, atopar unha solución acorde coas políticas de desenvolvemente sostible para a produción e consumo de papel en Galicia. Ao noso xuizo, estas solucións deberían pasar pola redución no uso de papel e polo fomento do uso de papel reciclado (a propia administración debería dar exemplo nisto), e pola produción sostible e non contaminante de papel usando unha materia prima que non sexa o eucalipto