Cando un se pon a revisar as bandeiras azuis concedidas, é como cando vai á feira: pódese atopar de todo. Todas son dignas de análise, como dignos de análise son os criterios, ou máis ben a falta de criterios ambientais, que se teñen en conta. Atopamos cousas dunha lóxica tan…, como bandeiras azuis a praias artificiais ou a portos deportivos.
Na provincia de Pontevedra, este ano concedéronselles bandeiras azuis aos seguintes portos deportivos:
- Monte Real Clube de Iates de Baiona; P. D. Baiona; Marina Dávila (Vigo); Porto de Moaña; Porto de Cangas do Morrazo; P.D. Juan Carlos I (Sanxenxo); C.N Portonovo (Sanxenxo); Porto Pedras Negras – C.N. San Vicente do Mar (O Grove)
Todos sabemos o que significa un porto deportivo ou a construción de pantaláns, recheos, espigóns…, somos conscientes do importante impacto para a calidade das augas e, polo tanto, para o ecosistema da zona. Todas estas actuacións sectoriais, irracionais, coa vista posta no curto prazo e desligadas do conxunto pretenden dar cabida legal a proxectos e capital de interese privado dentro do dominio público marítimo-terrestre, teñen sempre como perdedor o medio, as praias que minguan día a día, os recursos pesqueiros e marisqueiros da zona que diminúen, a paisaxe que se deteriora, o mar que se privatiza para favorecer os intereses particulares das elites económicas alentando a especulación urbanística e a destrucción do solo en terra, polo claro vínculo de moitos dos portos deportivos con propostas de recalificacións de solo rústico e protexido para urbanizable en primeira liña de costa.
O tema das bandeiras azuis é algo puramente propagandístico e non dubida en premiar vulneracións do marco xurídico vixente ou actuacións que pasan da legalidade ambiental sistemática e impunemente. Bandeiras que non teñen nada que ver coa protección, conservación ou o sentido común senón cun modelo fixado en base a criterios puramente especulativos. A costa xestiónase como un espazo económico onde é o capital, personalizado en políticos corruptos e dexenerados, quen marca as pautas de uso e explotación sen ter en consideración que a conservación das nosas rías é un dos maiores activos, actuais e potenciais, cos que contamos tanto económica como ambientalmente.Un exemplo moi ilustrativo, o porto deportivo Juan Carlos I ( repetidamente bandeira azul desde a súa inauguración en 2005, salvo un curto espazo de tempo). En 2013 comezaron a construción de novos pantaláns. Xa naquela altura o propio executivo do Concello emitiu un informe a Portos de Galicia, alertando do dano directo sobre as praias de Barcos e Panadeira e sobre as medidas de seguridade en materia de navegación, e que esta ampliación ía dificultar o plan de rexeneración dos areais das praias de Panadeira, Carabuxeira, Lavapanos e Os Barcos.
A finais de 2016, cando o dano era irreversible, costas recoñeceu que o porto deportivo alterou catro praias. Catro areais urbanos de Sanxenxo sufriron cambios como consecuencia directa do porto deportivo. A problemática que afronta cada unha delas é distinta, sendo A Carabuxeira a máis afectada, a situación da zona é irreversible e de feito, a praia da Carabuxeira hoxe é unha coieira. Entre as conclusións dun informe realizado o ano pasado destaca a constatación de que o desastre ambiental na Carabuxeira é consecuencia da construción e ampliación do porto deportivo de Sanxenxo. Este porto deportivo, como calquera porto deportivo, ademais da privatización da lámina de auga supón unha acción de transformación e desnaturalización dunha zona marítima. Nos anos 2016 e 2017, a pesares de terse recoñecido publicamente os danos causados por este porto, concedéuselle unha bandeira azul.
Isto di abondo de cales son os criterios das citadas bandeiras, os ambientais non están entre eles. Igual que di moito que o municipio de Sanxenxo, que é un dos máis urbanizados do litoral galego e máis estragado, sexa o que máis bandeiras azuis reciba de todo o País.