Coincidindo co remate do cumio mundial do cambio climático (COP29) que se celebra en Bakú (Acerbaixán), a plataforma Galiza Sen Gas reclama á Xunta de Galicia a elaboración dunha estratexia de enerxía e clima para reducir progresivamente a transformación e o consumo de combustíbeis fósiles até a súa eliminación definitiva antes de 2040.
A plataforma entende que a ausencia dunha folla de ruta galega para pór fin á enerxía fósil que incumpre o acordo histórico da pasada COP28 de deixar atrás os combustíbeis fósiles.
A enerxía fósil é a principal fonte de emisións en Galicia
O uso de combustíbeis fósiles polo sector enerxético (refinaría e centrais de ciclo combinado a gas fósil, principalmente) e no consumo de enerxía final causa un 73% de todas as emisións territoriais galegas de gases de efecto invernadoiro (2022). Polo tanto, acabar o antes posíbel coa demanda de enerxía fósil é a acción máis importante ao noso alcance para contribuírmos a mitigar a crise climática.
O primeiro chanzo decisivo para o abandono da enerxía fósil sería o logro dunha produción eléctrica 100% renovábel antes de 2030, obxectivo non procurado pola Axenda enerxética de Galicia 2030 da Xunta, que o rebaixa ao 84,8%.
Para tornar posíbel un sistema enerxético desfosilizado, ademais dun incremento da capacidade de produción e almacenamento de electricidade renovábel respectuoso co territorio, cómpre planificar o peche das dúas centrais de ciclo combinado a gas fósil (Sabón e As Pontes) e das 61 centrais de coxeración alimentadas con gas fósil ou con produtos petrolíferos.
Un sistema enerxético 100% renovábel antes de 2040
A maior electrificación posíbel do consumo enerxético baseada en electricidade 100% renovábel, unida á eficiencia e á suficiencia, posibilitaría un avance rápido e xusto cara a un sistema enerxético 100% renovábel.
Abandonado de vez o carbón en 2023, o seguinte combustíbel fósil a deixar atrás, antes de 2035, sería o gas natural, para despois acabar co uso do petróleo.
O fin da enerxía fósil é unha acción climática prioritaria e insubstituíbel. Non pode ser reemprazada por absorcións de dióxido de carbono (CO2) debidas a plantacións forestais implantadas a miúdo en Galicia con fortes impactos negativos sobre a biodiversidade.
As absorcións conseguidas polos usos do solo e a forestación teñen un papel complementario pero non substitutivo da eliminación do uso de combustíbeis fósiles. Máis aínda se temos en conta que as absorcións poderían ser reversíbeis no futuro como consecuencia do agravamento da propia emerxencia climática.
A Xunta rebaixa a ambición climática para esta década
A falta de interese da Xunta por acelerar o fin dos combustíbeis fósiles levou recentemente a unha sorprendente rebaixa do seu obxectivo de redución de emisións de gases de invernadoiro para 2030.
O obxectivo de -55% con respecto a 1990, anunciado por primeira vez na COP de Glasgow (2021) e plasmado en documentos como a Axenda Enerxética de Galicia 2030, pasou de referirse a emisións brutas (sen descontos por absorcións do sector “usos da terra, cambios no uso da terra, e silvicultura”) a emisións netas.
Agora a Xunta asocia nos seus comunicados a redución de -55% a emisións netas, suliñando que Galicia xa supera os obxectivos da UE para 2030, sen concretar un obxectivo para a diminución das emisións brutas. Isto supón recortar a cero a ambición climática para a presente década. As emisións brutas son un 33% inferiores a 1990 e as emisións netas un 60% (2022).
A plataforma Galiza sen gas propón unha redución de polo menos o 65% das emisións brutas para 2030 na procura da neutralidade climática (emisións netas cero) en 2035-2040.