10 RAZÓNS DE POR QUE O PLAN FORESTAL QUE IMPÓN O GOBERNO DO PP É NEGATIVO

As organizacións asinantes, entre as que se encontra Verdegaia, rexeitamos na súa integridade a primeira revisión do Plano Forestal de Galiza, tanto a versión exposta a información pública (2018) como a presentada actualmente (2021) no Consello Forestal de Galiza, con vistas a ser aprobado no primeiro trimestre de ano. Así mesmo, solicitamos a súa anulación e a elaboración dunha nova planificación do monte a partir do Inventario Forestal Galego (aínda en elaboración) e seguindo como principios reitores a necesidade de afrontar a emerxencia climática, a preservación da diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos do monte, o aumento significativo do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos e a sustentabilidade económica e social.

As razóns polas que rexeitamos na súa integridade a primeira revisión do Plan Forestal que se pretende aprobar polo Partido Popular no Parlamento de Galiza son:

  1. Fai unha diagnose ficticia da situación do monte galego a partir dun inventario forestal irreal e desfasado (datos de 2009), que descoñece a superficie de partida do E. globulus e do E. nitens. A 1ª revisión do Plan Forestal debería partir da actualización do Inventario Galego Forestal.
  2. Carece de consenso social. Na súa tramitación non se viron representados todos os axentes sociais vinculados ao monte e ao medio rural.
  3. Responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado poñendo a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais, e deixando de lado o interese público e xeral e a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais polo seu valor ecosistémico.
  4. Fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de Ha de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m3 de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m3 de cortas/ano.
  5. Propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. nitens, pese a ter rebasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.
  6. Promove a forestación de terras agrarias, ao deixar en mans de empresas madeireiras e forestais máis de 150.000 Ha destes terreos.
  7. Favorece a vulnerabilidade do monte galego fronte ao cambio climático e desvía investimentos destinados a fins de conservación e servizos ambientais para fins produtivistas.
  8. Potencia a proliferación e intensificación dos lumes forestais e a privatización da loita contra os incendios. Non formula solucións para as causas estruturais dos incendios e segue primando o investimento na extinción fronte a prevención.
  9. Agrava a situación de abandono e desertización do rural galego, impedindo o desenvolvemento dun monte multifuncional que xere riqueza e recursos diversos para as persoas que viven e traballan no rural. Desbota unha vez máis a oportunidade de apostar por un modelo de montes sustentábel, pola madeira de calidade e polo peche dos ciclos produtivos dos distintos aproveitamentos do monte.
  10. Alenta a desaparición dos montes veciñais en man común, favorecendo a súa privatización e a eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal. Propón a revisión da condición de veciño/a comuneiro/a, de dotar as mancomunidades de montes de personalidade xurídica, e que as comunidades de montes tributen no imposto sobre sociedades, como se fosen empresas mercantís.

Galiza, febreiro 2021