Verdegaia celebra o 2 de Febreiro o Día Internacional das Zonas Húmidas inaugurando o “Ponto de Información Ambiental das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro” que estará situado a carón dos observatorios de aves da lagoa de Orbenlle (O Porriño) e que se abrirá ao público os sábados de 2008 pola mañá en horario de 10:30 h. a 13:30 h., a partir do vindeiro día 2. 

O dous de febreiro celébrase o Día Internacional das Zonas Húmidas, declarado como tal pola Convención Internacional para a Conservación das Zonas Húmidas ou Convención de Ramsar, chamada así por ser a cidade iraní de Ramsar o lugar onde foi asinada en 1971. Esta Convención entrou en vigor en 1975 e actualmente conta con máis de cen países que comparten a súa preocupación e o seu interese na conservación deste tipo de ecositemas.

O “Ponto de Información Ambiental das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro” terá como finalidade dar a coñecer a grande riqueza natural das Ribeiras xa que, atendendo ao lema de “coñecer para conservar”, pensamos que a mellor forma de que a cidadanía valore este espazo natural é a de divulgar os seus valores o máximo posible. Deste xeito, no ponto de información haberá libros e trípticos sobre este espazo natural, guías de flora e fauna en xeral, outra información ambiental (revistas, boletíns,…), e prismáticos e un telescopio para o uso d@s visitantes; ademais, haberá dous monitores da asociación que informarán aos visitantes sobre os diferentes aspectos que albergan as Ribeiras do Louro en xeral e a lagoa de Orbenlle en particular.

Por outra banda, a posta en marcha deste ponto de información ambiental está englobada na campaña para a conservación da Rede Natura 2000 que Verdegaia está a levar a cabo en diferentes lugares de Galicia. As Ribeiras do Louro son o espazo natural pertencente á Rede Natura 2000 que “apadriñou” o Núcleo Comarcal de Verdegaia en Vigo e no que se levan realizado múltiplas actividades de denuncia, divulgación, limpeza… para tentar manter este valioso lugar o mellor conservado posible.

Unha das maiores áreas de sistemas lacustres de Galicia 

Os concellos de O Porriño, Salceda de Caselas e Tui albergan interesantes zonas naturais, entre as que salientan as Ribeiras do Louro tamén coñecidas co nome de Gándaras de Budiño. Debido ás condicións xeolóxicas do lugar, o Louro forma nas súas ribeiras zonas húmidas que son unha das maiores áreas de sistemas lacustres de Galicia.

As Ribeiras do Louro constitúen unha grande zona húmida dentro da chamada depresión meridiana, fosa que atravesa Galicia de norte a sur. A súa orixe hai que situala na era primaria, hai uns setecentos millóns de anos. Posteriormente, este espazo natural foise modelando ao longo das eras terciaria e cuaternaria por diferentes motivos (climáticos, xeolóxicos,…).

Xa no século XX, e despois de séculos nos que as Ribeiras seguiron un destino natural e falto de agresións ambientais, o espazo segue a dinámica normal do mundo rural galego co desenvolvemento das actividades agro-gandeiras tradicionais que, sendo respetuosas co medio ambiente, non provocaron grandes alteracións nos ecosistemas naturais.

Polígono industrial, infraestruturas de transporte, contaminación,…

Desgrazadamente, nos anos 60 comézase a construír un polígono industrial que causaría e segue a causar hoxe en día gravísimos danos aos diferentes ecosistemas que conforman o espazo natural por mor da ocupación do territorio con naves e infraestructuras industriais, pola construcción de viais… impactos aos que hai que sumar a construción das xa lonxevas vía do tren Vigo-Ourense e estrada Vigo-Tui, e da autovía e autoestrada Vigo-Tui; ademais, cómpre salientar o impacto das numerosas canteiras nos montes que lindan ca parte norte do espazo, e do dano que constituíu e constitúe a realización de innumerables verquidos tanto de poboacións, que non contaron até hai poucos anos con Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), como de industrias que levaron ao río Louro a ser un dos máis contaminados de Galicia.

Pese a estas alteracións, o espazo segue a conservar unha grande riqueza ambiental, razón pola que foi declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, pasando así a formar parte da proposta española de Lugares de Interese Comunitario (LIC), integrados na Rede Natura 2000, para garantir deste xeito a conservación da súa alterada biodiversidade. Nas Ribeiras do Louro moran especies vexetais e animais únicas na xeografía galega e mesmo ibérica, como a Genista ancistrocarpa, un arbusto espiñento, que está catalogada como especie en perigo de extinción en España, ou o sapoconcho común (Emys orbicularis), que é unha das xoias da fauna galega.

No ano 2004 retirouse da zona incluída na Rede Natura 2000 o 25% da superficie protexida total, feito que voltou pór en perigo a integridade do espazo natural.

A día de hoxe, as agresións ambientais seguen a ser graves e continuadas.