Pontevedra volve un ano máis a incluír touradas no programa de festas da Peregrina. A pesar das multitudinarias manifestacións populares que cada verán solicitan a súa fin, as administracións seguen permitindo que unha industria, que se fundamenta na tortura e morte de animais por lecer, siga exercendo a súa actividade en Galicia.
Dende Verdegaia entendemos que a sociedade non ten dereito a facer sufrir innecesariamente a outros seres vivos e urxe o recoñecemento de determinados dereitos a todos os animais non-humanos.
Cabe lembrar que desde hai varios anos a asistencia a esas exhibicións de maltrato animal é insuficiente para que sexan viables finaceiramente. De feito a fonte de ingresos que permite aos propietarios manter a praza de touros en funcionamento é a que lles entrega anualmente o Concello de Pontevedra como alugueiro para celebrar unha festa local, a Festa Franca.
Sen eses cartos, 37.500€ ao ano, os propietarios da praza terían que pechala definitivamente conseguíndose así a fin destas aberracións de maltrato animal. É por isto que solicitamos ao Concello de Pontevedra que procure canto antes un lugar alternativo para celebrar a chamada Feira Franca.
Como reflexo do mal estar que esta situación xera na cidadanía, diversas asociacións entre as que se encontra Verdegaia, apoian a manifestación que a plataforma Touradas fora de Pontevedra convoca para o sábado 10 de agosto. Baixo o lema “Tauromaquia abolición” sairá ás 20:00 desde A Peregrina.