ENCE - Manifa vs. PolíticosA ampliación da concesión ata o 2073 supón unha privatización de feito, este tipo de concesións tan estendidas no tempo fanse cun claro interese como é o de que se perda a memoria colectiva e nesa altura ninguén lembrará xa que ese é un terreo público en réxime de concesión.

Chama a atención que un grande número dos actuais integrantes do Consello de administración de ENCE tivesen antes posicións destacadas no goberno galego ou na administración central. Lembremos por exemplo a Isabel Tocino (ministra de Medio Ambiente entre 1996 e 2000); Carlos del Álamo (conselleiro de Medio Ambiente da Xunta entre 1997 e 2003) ou Pascual Fernández Martínez que foi Secretario de Estado de Augas e Costas do Goberno Aznar, con Jaume Matas como ministro de Medio Ambiente. Todos eles tiveron que adoptar durante os seus mandatos decisións que afectaron á actividade de ENCE e as súas regulacións e controis ambientais.

María José Echevarría, subdirectora xeral de Coordinación Ambiental da Xunta é na actualidade a esposa do director da fábrica de Ence-Pontevedra, Antonio Casal, polo que existía un conflito de intereses xa que a mencionada subdirección xeral “é xuíz e parte dos procesos abertos con respecto a ENCE”, en particular sobre a tramitación da Autorización Ambiental Integrada. E ademais, esta subdirectora xeral foi nomeada no ano 2002 por un conselleiro de Medio Ambiente (Carlos del Álamo, PP) que, como dixemos, actualmente pertence ao Consello de Administración da empresa.