O Parque Nacional Yasuní (1979), territorio Huaoraní situado no Norte da Amazonía ecuatoriana é un dos lugares con maior biodiversidade e endemismos do planeta, Reserva da Biosfera desde 1989 e a área protexida máis importante do Ecuador continental. Os proxectos petroleiros ameazan a súa sobrevivencia.
No PN Yasuní hai concesións petroleiras desde 1985 que afectan xa a seis bloques, nos que operan Repsol-YPF, Petroriental, Petrobrás e Petroecuador, causando graves impactos ambientais e sociais. A explotación petroleira ameaza agora con se estender ao Bloque 31, corazón do Parque. En 1999 a área Sul do Parque foi declarada Zona Intanxíbel para asegurar a sobrevivencia das comunidades Tagaeri-Taromenane, en isolamento voluntario. O Bloque 31 é parte do territorio de migración destas comunidades.
Verdegaia ven de asinar unha carta ao presidente da República de Ecuador redactada por Acción Ecológica . Nela exíxeselle o fin do contrato con Petrobrás e Teikoku no Bloque 31 e unha moratoria á explotación do ITT (proxecto de Bloque iniciado por Petroecuador en 1992). O recén eleito presidente de Ecuador, Rafael Correa, asegurou no seu discurso de toma de posesión, que o país non está á venda.