En abril de 2022, unha maioría do Congreso dos Deputados aprobou a Lei de Residuos, que inclúe obxectivos de prevención, recollida separada, reciclaxe e reutilización e debe permitirnos devolver latas, botellas e briks de aguas, cervexas, sumos e refrixerantes aos supermercados para evitar que cada día en España se continúen perdendo 35 millóns de envases de bebidas.
Ademais, meses despois, o Real Decreto de Envases de decembro de 2022 confirmaba os obxectivos de prevención, marcaba a folla de rota para a chegada do Sistema de Depósito e Retorno e fixaba obxectivos concretos de reutilización tanto para os hoteis, restaurantes e cafetarías (30% para aguas, 80% para cervexas, 60% para refrixerantes e 20% para outras bebidas en 2025), como para o sector doméstico (10% do volume posto no mercado en 2030).
Se se cumprir a Lei, despois de anos de demora pola presión de certos sectores, pronto poderemos ver a posta en marcha de un Sistema de Depósito como o que xa funciona en moitos países europeos e está previsto que se implante en 15 estados máis nos próximos dous anos. Con esta práctica, conséguese reutilizar ou converter en novas latas, botellas ou bricks de bebidas máis do 90% destes envases.
Malia as as evidencias presentadas por entidades sociais e ambientais, expertas e polas propias administracións públicas sobre a falta de eficiencia e transparencia na xestión actual dos residuos de envases, polo momento, nen as Comunidades Autónomas. nen o goberno estatal están dando os pasos necesarios para despregar as medidas incluídas na Lei e no Real Decreto de Envases, o que nos habilitaría a usar envases reutilizábeis e a devolver latas, botellas e briks ás tendas en 2026.
O novo Goberno non pode deixar esta Lei esquecida nunha gabeta. Debe cumprir co establecido: promover a reutilización, favorecer a implantación dun Sistema de Depósito, Devolución e Retorno e non permitir que se bloquee a súa chegada. Esta é a única maneira de asegurar que os produtores, os supermercados e os xestores dos contentores de recollida de envases se responsabilicen ao 100% de todas as súas latas, botellas e briks de bebidas, asegurando que se reutilizan ou reciclan na súa totalidade e deixan de enterrarse, queimarse ou perderse por millóns cada día, como acontece agora.
Canto tempo máis vamos permitir que os envases de bebidas sigan danando todos os ecosistemas naturais que nos rodean, especialmente os mariños, gravemente ameazados? Canto tempo máis se vai mirar a outra parte mentres danan a nosa saúde? Canto tempo máis vamos seguir subvencionando un modelo económico lineal centrado en usar, tirar e eliminar?
O cento de organizacións e personalidades que asinamos este manifesto defendemos a filosofía residuo cero, baseada na prevención de residuos, e o consumo consciente, o dereito á reparación, o uso de envases reutilizábeis, a reciclaxe de calidade ou a xestión eficiente da materia orgánica, entre outras medidas.
Como primeiro paso, pedimos ao Executivo que asegure o cumprimento dos obxectivos de reutilización para envases de bebidas e priorice a posta en marcha do retorno de envases ao comercio como paradigma de unha economía circular limpa que xera empregos verdes e impulsa unha sociedade máis sustentábel e xusta na que se protexe a saúde das persoas e o resto das especies.
Consulta o manifesto e as organizacións asinantes entre as que se encontra Verdegaia