Verdegaia apoia a mobilización convocada polas plataformas Ulloa Viva, Defensa da Ría de Arousa e Mina Touro-O Pino Non, para o 14 de xuño, contra o proxecto de Altri, a mina de Touro e en Defensa da Ría de Arousa. A marcha de terra arrincará da praia do Vao, na Illa de Arousa, ás 12:00h, baixo o lema ‘Pola defensa do Ulla e da Ría de Arousa. Re-matemos Altri e a mina de Touro-O Pino’
Até hai pouco días a Xunta mantiña que Altri “estaba morto”, pero malia estas afirmacións e a piques de rematar o prazo, a empresa presentou alegacións a favor do proxecto. Na nota de prensa, a compañía di que nesas alegacións achegan unha solución ao problema do subministro eléctrico, que é a mesma que xa figuraba cando presentaron o proxecto en marzo de 2024. Altri minte dende o primeiro día e segue a mentir agora, como cando dixo en 2023 que non se implanta en territorios nos que a xente non os quere.
A mina de Touro-O Pino, tanto o primeiro proxecto como o segundo supoñen un impacto ambiental negativo e son esencialmente iguais. A recente sentenza do TSXG anula a declaración da Xunta sobre o primeiro proxecto en xaneiro de 2020 só porque se fixeron mal os trámites. Reclamamos que se manteña a declaración de impacto ambiental negativa neste proxecto, así como o que Cobre San Rafael presentou en 2024, coa fraude de que é o mesmo proxecto, pero cunha nova lei que nos deixa máis indefensos que no proxecto de 2017, xa que a actual tramitación limita moito máis o dereito de defensa.
Os anuncios feitos pola conselleira no Parlamento sobre novos dereitos mineiros teñen unha realidade tráxica co proxecto da mina de Touro-O Pino. Digan o que digan dende a Xunta ou dende calquera ámbito xudicial, a actividade mineira de Cobre San Rafael implica un risco moi elevado para a veciñanza dos concellos afectados e representa un novo intento de espoliar os nosos recursos. Queren impoñernos unha herdanza envelenada, profundar o papel colonial e subministrador de recursos a outros territorios mentres en Galiza avanza a desertización económica e social, mentres sectores produtivos que xeran riqueza e asentamento de poboación no territorio se ven arrasados.
Todo isto cando é moi crítica a situación que atravesa a Ría de Arousa, cun deterioro constante das súas condicións sen que a Xunta asuma a súa responsabilidade. Mais ben ao contrario, o que fai a Xunta é promover estes proxectos e outros como a planta de betume de Vilagarcía ou o punto de vertido dos dragados do Lérez na boca de Sálvora. Proxectos que son unha ameaza para a ría e que van en contra de milleiros de familias que viven honestamente dela.
Altri e a mina de Touro-O Pino representan un conflito ambiental, territorial e social que sigue máis vivo ca nunca, é un conflito no que nos xogamos o dereito a vivir e a traballar na nosa terra, porque nos impoñen un proxecto depredador.




















