As entidades ambientais Verdegaia-Ferrol, ADEGA-Trasancos e SGHN-Ferrol denunciamos diante da administración autonómica o xeito en que se desenvolveu a tramitación de outorgamento de licenza, polo Concello de Ferrol, a Infinitas Renovables S.A., empresa que pretende instalarse no Porto Exterior de Ferrol, para producir 300.000 Tm anuais de biodiésel, a base de produtos vexetais (aceite de palma africana procedente de Malasia, soia, etc).
O Concello outorgou licenza de obra previamente a ser concedida a licenza de apertura, cando segundo a LOUGA (Lei de Ordenación Urbanística), a licenza de apertura obteráse con anterioridade, ou polo menos simultaneamente á licenza urbanística.
Estas entidades cuestionamos a non obrigatoriedade de someter o proxecto ao Estudo de Impacto Ambiental, así como que non se cumpra coa distancia mínima de 2.000 m con respecto dos núcleos habitables máis próximos, esixibles pola lexislación que rexe as actividades molestas, insalubres e perigosas.
Denunciamos tamén que se tivese outorgado a licenza seguindo un procedemento de urxencia, días antes de ter rematado o prazo de presentación de alegacións, motivo polo que estas non foron atendidas.
Por outra banda, non queda moi claro no expediente se esta empresa vai ser ubicada na segunda fase do Porto Exterior. Se así fose, non se comprende o trámite de urxencia ao que foi sometida a tramitación do expediente, xa que dita fase aínda non comezou e a construción da industria tería un límite de seis meses despois de serlle outorgada a licenza para o inicio.
Estas entidades, xunto con outros colectivos, puxemos en movemento dende hai xa dous meses, unha Mesa sobre Agrocombustibles, que pretende ser un foro de debate sobre esta cuestión.
A obrigatoriedade, por parte da Unión Europea e mais da lexislación española, de utilizar nos combustibles para automoción un 6% de biocombustibles para 2010 e os problemas que estas políticas están orixinando en países empobrecidos, na súa maior parte tropicais, dado que as materias primas empregadas proceden practicamente na súa totalidade destas zonas, terían que obrigar aos países ricos a non adoptar medidas precipitadas sen analizar en profundidade as repercusións que producirán a escala mundial: deforestación de bosques tropicais, ameaza á seguridade alimentaria destas zonas, perda de terras de cultivo, contaminación de solos e de augas, etc. Máxime cando non hai acordo nos datos extraídos das investigacións feitas para calcular a cantidade total de combustibles fósiles necesarios para producir os biocombustibles.