Lugar das brañas onde se pretende construir o complexo de investigaciónVerdegaia vén de apresentar o seu documento de participación na exposición pública do plano especial de recuperación e conservación das Brañas de Sar que tramita o concello de Compostela. Infelizmente, o documento de máis de 500 páxinas fala pouco ou nada de conservación e recuperación ambiental, e pola contra dispón a urbanización dun 35% máis da superficie do espazo natural, a engadir ao 30% que xa se perdeu por obras e desleixo do goberno municipai nos últimos 30 anos.

 

BIODIVERSIDADE

Malia as graves agresións ao espazo, sobreviven aínda nas brañas cinco códigos de paraxes protexidas pola directiva europea “habitats”, e unha delas -vexetación riparia (91E0)- catalogada de carácter prioritario no estudo que encargou o propio concello en maio de 2009. Lamentabelmente, o mesmo estudo dá por morto o hábitat do “río de piso de planicie a montano (3260)” evidenciándose na ausencia total de vexetación no leito do río Sar.

O estudo, recollido como anexo no plano especial, aínda que sen referencia algunha a el no documento principal, está inzado de advertencias severas sobre a conservación do lugar como a ausencia total dalgunhas especies animais e vexetais características do lugar. Destaca a desaparición por tramos do bosque de ribeira completo, a extinción do fento real na galería do rio, a lontra ou mesmo a sorprendente ausencia da rata de río, expresiva indicación dos níveis tan elevados de contaminación do río. En aves, desde o típico lagarteiro até granívoras tan comúns como as folosas das xunqueiras, pasando polas anátidas de río como o cullerete, a cerceta e o lavanco foron exterminadas do lugar coas políticas de destrución ambiental e desleixo imperantes neste espazo nas últimas décadas.

O estudo municipal sinala unha lista de especies ameazadas para as que se deben recuperar os seus espazos e condicións naturais de habitabilidade: os reos do rio, o morcego de ferradura e o morcego rateiro, a londra, a rapina cincenta, o falcón peregrino, a rula común e a salamántiga galega. Tamén destaca nos prados húmidos a presencia da herba Molinia caerula da que depende a bolboreta Carterocephaulus palaemon, moi rara na península Ibérica e da que se alimenta exclusivamente. Ou mesmo os matos de brizo e xeranio bravo asociados ás augas contaminadas no habitat protexido de “herbais higro-nitrófilos” que están actuando como auténticas depuradoras para manter a vida que aínda fica no lugar.

A RECEITA MUNICIPAL

A proposta municipal vai por outro camiño que comeza pola construción dunha avenida que facilite a tránsito rodoviario entre a Pontepedriña e a Cidade da Cultura, pasando polo Multiusos e cortando as brañas polo medio e medio. Tamén ten como elemento “estrela” a construción dun novo complexo deportivo a carón do campo de fútbol con canchas de tenis, cafetarías, aparcadoiros, edificios de equipamento, etc. Xusto na outra beira do río e a carón do multiusos urbanízase outra gran leira para edificios de investigación universitaria que procuran “aproximar” urbanísitcamente a Cidade da Cultura e o casco urbano. Tamén se propón a edificación de vivendas nas leiras das brañas que hai contra Picaños e Santas Mariñas para “adecentar” a fachada. Fecha o interminábel asedio unha zona denominada de “peirao” da nova estación do AVE que avanzan sobre as brañas desde a vía Clara Campoamor.

En resumo, non se recupera nen un só metro cadrado do espazo perdido, senón que como se vén de resumir, aproveitase para promover máis edificios e estradas, coa teima de “humanizar”, “integrar”, “enriquecer”, “complementar” “adquirir” e “conectar” que se citan obsesivamente nun documento que pretende incongruentemente xustificar o cemento e o asfalto como receita para a recuperación e conservación ambiental.

A TEIMA DO TELEFÉRICO

A guinda coa que a corporación municipal coroa o seu proxecto é a autorización específica da construción do teleférico que se agocha trala denominación de “transporte público suspendido”. É abraiante comprobar como se pretende autorizar especificamente este elemento de “accesibilidade” no capítulo 8, despois da seria advertencia por parte do ICOMOS de que Compostela perdería a súa cualificación de Patrimonio da Humanidade se agrede máis o espazo patrimonial das brañas con este espectacular artificio ao servizo do carísimo sen-sentido da Cidade da Cultura.

MAÑÁ VISITA ÁS BRAÑAS CON ROSÓN

Mañá día 10, ás 17:30 unha delegación de Verdegaia recorrerá a pé o espazo das Brañas de Sar coa concelleira Mercedes Rosón nunha reunión-visita concertada xa en xullo para intercambiar opinións e argumentos de maneira construtiva e práctica sobre o futuro desta senlleira paraxe compostelá. Infelizmente, a axenda da concelleira tivo outras prioridades que levaron a adiar a cita até mañá, xusto dous días despois do remate do prazo para as alegacións, polo que as argumentacións municipais que Verdegaia tiña interese en coñecer antes de redactar o seu documento de participación non se puderon incluír. Agardamos aínda así, escoitar a pe do terreo os razoamentos da máxima responsábel do proxecto e experimentarmos tamén con ela as nosas impresións camiñando sobre os propios habitats que se proxecta urbanizar.

Verdegaia solicita a retirada do proxecto e o sometemento previo ao proceso de Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) que estipula a lei, e que o concello elideu cunha armadilla legal: o PXOM foi eximido de tal avaliación en base a unha disposición transitoria e incluindo a condición de que cada plano parcial fose sometido á AAE individualmente. Mais o concello artellou a exención da AAE para as Brañas de Sar fundamentado en que todos os PXOM por lei xa levan unha AAE de conxunto. Uns polos outros e a casa sen varrer…

A proposta da asociación ecoloxista Verdegaia é de aproveitar con responsabilidade esta extraordinaria oportunidade histórica para sanear un espazo natural agonizante, como un exemplo ao mundo de recurso natural e vida dentro da cidade. As brañas teñen que ser as brañas, deben recuperar o máximo posíbel do seu espazo propio, han de eliminarse as edificacións agresivas e de “feismo” que existen e descontaminar integralmente o ecosistema para que volte o lagarteiro, a lontra e os reos. Promover o mantemento da actividade labrega sustentábel e que a cidadanía teña a oportunidade de coñecer e participar “ao natural” desta alfaia ambiental que temos á porta da nosa casa na milenaria Compostela.

pdf Participación Verdegaia para documento do PE Brañas do Sar