Verdegaia pide a retirada do plano de conservación da lagoa da Frouxeira ao consideralo unha farsa.

Este plano mantén e consolida as actividades que máis ameazan a súa integridade.Lagoa frouxeira

O documento foi feito á carta dos diferentes intereses particulares, mercantís e políticos existentes arredor deste espazo natural.

O núcleo comarcal da asociación ecologista Verdegaia informa que vén de presentar alegacións ao Plano de Conservación da zona húmida protexida Lagoa e areal de Valdoviño; ao Proxecto de Decreto polo que se aproba o dito Plano de Conservación e ao Informe de Sustentabilidade Ambiental do Plano de Conservación (D.O.G. nº 112 do 13/06/2014).

Nas alegacións, Verdegaia maniféstase en desacordo coa adopción dun sistema xerarquizado de zonas para a planificación e xestión do humidal protexido que, lonxe de “asegurar os obxectivos de conservación e uso sostible dos recursos naturais” permite, na maioría dos casos, a consolidación e mesmo a regularizacón encuberta de actividades, infraestruturas e edificacións claramente lesivas e incompatibeis co mantemento da estrutura e funcionamento do propio espazo natural e, en particular, coa conservación dos hábitats naturais que o integran e das especies obxecto de protección.

O verdadeiro obxectivo deste sistema de zonificación e do propio plano de conservación é fuxir da responsabilidade que teñen as Administracións públicas competentes de repoñer a legalidade para reparar o dano que se vén ocasionando en aras do interese xeral, favorecer intereses particulares, mercantís e mesmo partidistas, así como priorizar o uso lúdico e recreativo deste espazo natural en detrimento da súa conservación real e efectiva.

Verdegaia tamén rexeita as directrices e normas recollidas no plano de conservación porque resultan ambiguas, excesivamente permisivas, moi pouco restritivas e absolutamete tolerantes cos usos e actividades claramente lesivos e, polo tanto, non contribúen en absoluto a preservar de xeito rigoroso e coherente os hábitats naturais e as especies de interese comunitario presentes no ámbito do humidal protexido.

Lonxe de poñerlles freo, de maneira rotunda e contundente, ás diferentes actividades antrópicas que atentan claramente contra a integridade do propio humidal (baleirado da lagoa, edificacións ilegais, masificación estival, etc), promove deliberadamente a permanencia e consolidación das mesmas, e mesmo deixa a porta aberta a outras actividades moito máis perniciosas, mediante unha regulamentación á carta criada expresamente para salvagardar diferentes intereses particulares, mercantís e políticos existentes arredor deste espazo natural, en detrimento do interese xeral de preservalo axeitadamente.

Dito texto normativo resulta unha burla e unha ofensa para as persoas e colectivos que, de xeito altruísta e sen intereses espureos de por medio, se toman moi en serio a conservación coherente deste e doutros espazos naturais semellantes.

Por estas razóns, desde Verdegaia pídese a anulación e retirada do Plano de Conservación da Lagoa e areal de Valdoviño e do seu proxecto de Decreto nos seus actuais termos, demandando a redacción dun novo documento que contribúa a preservar de xeito real e coherente dito espazo natural.