Perante as declaracións efectuadas polo presidente de SOGAMA a Faro de Vigo, nas que demostra unha enorme soberbia e unha preocupante ignorancia, impropia dun cargo coa súa responsabilidade sobre os planos de incineración e o seu rexeite pola reciclaxe e a compostaxe os grupos que facemos parte da Federación Ecoloxista Galega e Amigos da Terra queremos manifestar:

  1. SOGAMA non freou a xeración de lixo: O modelo SOGAMA supuxo un investimento moi grande en infraestruturas e unha nula aposta pola prevención. O resultado é que Galicia pasou nos últimos anos de xerar 800.000 a xerar máis dun millón de toneladas de lixo cada ano.
  2. SOGAMA case non recupera materiais para a reciclaxe: Datos da propia Xunta de Galicia indican que só un 2% do lixo tratado no modelo SOGAMA é recuperado. O resto vértese na Areosa ou incinérase.
  3. SOGAMA incinera residuos reciclábeis: Sogama incinera integramente a bolsa negra, formada na súa maior parte de materia orgánica compostábel, un residuo que, recollido selectivamente, serve para elaborar compost.
  4. SOGAMA non é valorización enerxética: A incineración de residuos em Galiza, segundo a Directiva 2008/98/CE non pode ser considerada valorización enerxética. O balanzo enerxético da incineradora SOGAMA (considerando os consumos de gas e electricidade da planta) é negativo.
  5. A incineración é perigosa para o ambiente: SOGAMA, polas súas emisións de CO2 e outros compostos, constitúe a sexta principal fonte de cambio climático en Galiza. Alén, incinerar lixo xera residuos sólidos tóxicos e perigosos.
  6. SOGAMA cobra por tratamentos que non fai: SOGAMA cobra 51 € por cada unha do millón de toneladas que recibe ao ano. Porén, somentes a metade dese lixo é realmente tratado. A outra metade mándase a un macrovertedoiro sen tratar, un grande negocio!

Logo de case unha década de funcionamento, as estatísticas da propia administración amosan que o modelo de incineración é un fracaso, mesmo incumpre os obxectivos marcados pola UE. A redución debe ser a prioridade do noso modelo de xestión, non conseguiremos frear o problema do crecemento progresivo do lixo se non freamos inmediatamente este crecemento.

Desde Amigos da Terra e a Federación Ecoloxista Galega, alertamos do erro no que incorre o Presidente de Sogama: a UE obrígalle a que se reduza, se reutilize e se recicle (e tamén que se composte) o lixo e logo, se sobra algo diso, permite a súa incineración. A xestión centralizada e cimentada sobre a valorización enerxética impulsada nos últimos 15 anos foi o maior dos erros cometidos na política de residuos. Recuperar a vía da incineración supón dar un paso atrás e reincidir nos erros do pasado.