No marco do conflitivo proxecto de estabelecimento de varias plantas de celulosa en Uruguai, o goberno español está a apoiar á Empresa Nacional de Celulosas Española (ENCE) para construir unha fábrica de celulosa na poboación de Conchillas, Colonia, que xerará impactos ambientais, sociais e económicos altamente negativos, violando así o Pacto Internacional dos Direitos Económicos, Sociais e Culturais. O apoio gobernamental á actividade empresarial de ENCE en Uruguai atenta ademais contra o Plano Director da Cooperación Española, segundo o cal “a degradación dos recursos naturais e da biodiversidade está a minar as oportunidades de desenvolvimento e a diminuír a cualidade de vida das poboacións locais”.
Pomos en causa o papel hipócrita de “facilitador” e “mediador” do Estado español entre Arxentina e Uruguai polo enfrentamento sobre a instalación das papeleiras en territorio uruguaio, porque o goberno español non ten un papel “neutral” e representa os intereses dunha multinacional española que é co-responsábel do conflito ambiental. Primeiro, ENCE recebeu diñeiro público para se instalar en Uruguai, onde xere máis de 120.000 hectáreas de plantacións de monocultivos de eucalipto e onde ten previsto levantar unha planta nunha praia de Punta Pereira, sobre o Río da Plata, onde produciría entre 500.000 e 1 millón de toneladas de celulosa ao ano. E segundo, ENCE ten antecedentes graves en instalacións semellantes, e foi condenada por delito ecolóxico continuado no ano 2002 por contaminar a Ría de Pontevedra desde 1964.
A organización Red de Acción en Plaguicidas y sus Alternativas para América Latina (RAP-AL) denunciou recentemente que os viveiros de ENCE utilizan funguicidas prohibidos en Europa e que os traballadores se atopan perigosamente expostos a estas substancias.
No referido aos postos de traballo, segundo a plataforma Uruguay Natural Multiproductivo perto de 4.700 persoas perderán a súa fonte de traballo, só polo efeito das plantacións de monocultivos, pois nas 180.000 hectáreas de ENCE pretende destruír, desaparecerán cultivos tradicionais como viñas e as pradarías gandeiras que hoxe alimentan á poboación local.
Os impactos ambientais da planta serán, no caso de chegar a funcionar, numerosos e graves. Entre eles, contaminación atmosférica (máis o forte cheiro por compostos de xofre), a produción de dioxinas no proceso de branqueado da celulosa mui perxudiciais para a saúde humana, a xeración e verquido de residuos, co conseguinte risco de contaminación da auga utilizada para o consumo doméstico así como a destrución dos recursos pesqueiros e os ecosistemas acuáticos que dan sustento a muitas comunidades locais na rexión.
Exiximos, xa que logo, o cancelamento imediato do apoio político e diplomático outorgado a ENCE.
Por outra banda pomos en causa ás autoridades españolas, entre elas a secretaria española para Iberoamérica, Trinidad Jiménez, o Ministro de Exteriores e o propio presidente do goberno, xa que persisten en achegar apoio (con fundos públicos) ás empresas españolas sen polo tanto asumir os impactos sociais, ambientais, económicos e culturais que estas empresas xeraron en América Latina nas últimas dúas décadas.
A produción de celulosa en Uruguai será destinada integramente á exportación con destino ao mecado europeu, o que xeraría unha débeda ecolóxica con Uruguai. Por iso solicitamos ao goberno español a prohibición de investimentos públicos e privados en proxectos que non cumpran os estándares ambientais, laborais e sociais, así como a non utilización dos mecanismos públicos para xerar nova débeda ecolóxica e de apoio á exportación para impulsar actividades de empresas transnacionais españolas no exterior.
Cremos que ainda é posíbel paralisar a construción da fábrica de ENCE e para isto estanse a mobilizar millares de persoas na Arxentina e Uruguai. Por todo isto, decenas de organizacións do Estado español e internacionais fixemos chegar reiteradamente aos responsábeis políticos a petición de denegar calquer apoio público á construción da papeleira de ENCE en Uruguai e a revisión urxente do modelo forestal asociado á produción de celulosa.