Preocupadas pola crise alimentaria, climática, financeira e enerxética, así como polos seus efectos devastadores, varias plataformas, redes e organizacións do Estado español, entre elas Verdegaia, solicitaron ao Goberno español que NON dea o seu visto bon á conclusión da Rolda de Doha da Organización Mundial de Comercio (OMC), previsto para esta semana. 

O director xeral da OMC, Pascal Lamy, convocou para hoxe, 21 de xullo, en Xenebra, un Cumio Ministerial selectivo e antidemocrático, para tratar de concluír a Rolda de Doha da OMC. Tras varios anos de negociacións, cumes ministeriais errados e repetidos re-inicios, esta é a "última oportunidade" antes de que o actual Presidente dos EUA, George Bush, deixe o seu cargo. Aínda que unha ampla maioría da poboación nos países participantes da reunión en Xenebra, como Brasil, India, Indonesia, Filipinas, Sudáfrica, Kenia e Exipto, sofre a liberalización comercial e vive na pobreza, estanse a despregar grandes presións sobre os seus gobernos para abrir aínda máis os seus mercados.

A OMC quere concluír esta rolda titubeante, deixando de lado outras prioridades mundiais chave como a crise alimentaria, os prezos dos combustibles, o quecemento global, a pobreza no mundo e a débeda externa.

Organizacións agrarias, ecoloxistas e ONG [1] retan ao Goberno español a cambiar as regras internacionais de comercio, e non apoiar as políticas da OMC incoherentes, entre outras cousas, co Plano Director de Cooperación española, a Estratexia Española de Mudanza Climática e Enerxía Limpa, a Estratexia Española de Desenvolvemento Sustentable, ou o Plano Estratéxico Nacional de Desenvolvemento Rural 2007-2013.

Se se concluise a Rolda de Doha da OMC, a expansión das políticas de liberalización comercial beneficiará ás grandes empresas transnacionais, pero afectará moi negativamente aos traballadores, agricultores, mulleres, consumidores e o medioambiente. Así, incurriríase:

  • nunha violación dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da maior parte da poboación nos países en desenvolvemento, xa que o sustento dos agricultores, a soberanía alimentaria e o desenvolvemento rural se verían cada vez máis ameazados. Estados Unidos e a UE seguen a subsidiar ás súas empresas agroexportadoras, ao mesmo tempo que se opón a que se protexa a millóns de agricultores con políticas e medidas chave. Medida escandalosa, en vista da actual crise alimentaria mundial. 

  • Tamén se aumentaría a privatización e desregulación crecente dos servizos, dende sectores como as finanzas ou a enerxía.
    A finanza desregulada destrúe a sociedade: aumento dos prezos de alimentos, perda de empregos (tanto en España como no Sur Global), precarización, acentuación das desigualdades. Os asalariados e a xente máis pobre teñen que cargar co custo da especulación, ou co prexuízo do "crack " consecuente. Ante a crecente crise financeira, alimentaria e enerxética, débense restrinxir os movementos ao capital financeiro, así como garantir o control, a regulación e intervención públicos das institucións e mercados financeiros. 

  • Os esforzos internacionais para frear o cambio climático vense torpedeados polas políticas da OMC, xa que o "libre" comercio é unha das maiores causas do quecemento global. Se a destrución de bosques supón unha quinta parte de todas as emisións globais de Gases de Efeito Invernadoiro, frear inmediatamente todo proceso de deforestación sería o xeito máis rápido e eficaz para reducir estas emisións. Pero iso implicaría, por exemplo que se deixen de importar á UE produtos cultivados en áreas deforestadas, como o aceite de palma de Asia ou a soia de Suramérica.  

Os países máis empobrecidos serían de novo os principais perdedores.

A mensaxe dirixida ao Goberno español e aos encargados de comercio da misión diplomática española en Xenebra [2] inclúe unha alerta ante os cambios perigosos nas regras de negociación do Acordo Xeral sobre o Comercio de Servizos.

A sociedade civil internacional está aterrada polas disposicións que inclúe o novo anteproxecto do texto de negociación, reflectindo a demanda unilateral das potencias industrializadas aos gobernos dos países en desenvolvemento para que estes se comprometan de xeito obrigatorio e vinculante a abrir os sectores de servizos das súas economías ás empresas transnacionales de orixe estranxeira.

O presidente de Bolivia, Evo Morales, sinala a propósito da rolda de negociacións da OMC: "Nas negociacións empúrrase a que novos sectores de servizos sexan liberalizados polos países cando o que habería que facer é excluír definitivamente os servizos básicos de educación, saúde, auga, enerxía e telecomunicacións do texto do Acordo Xeral do Comercio de Servizos da OMC. Estes servizos son dereitos humanos que non poden ser obxecto de negocio privado e de regras de liberalización que levan á privatización."[3]

Por todas estas razóns, unha coalición mundial de organizacións sociais, políticas e populares, de traballadores e traballadoras, de migrantes, de comunidades indíxenas e labregas, o movemento de mulleres, movemento de moz@s e sindicatos -promovido pola rede "O noso Mundo Non Está á Venda"- insiste aos delegados dos 35 países da OMC, en que a resposta aos aumentos dos prezos alimentarios e enerxéticos, así como as chaves para frear a Mudanza Climática, non residirá nunca en aprofundar na desregulación da produción e do comercio internacional.

Notas:
[1] ATTAC, Campaña "No te Comas el Mundo", Campaña ¿Quién debe a quién?, Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG), Ecologistas en Acción, Enginyeria Sense Fronteres – Catalunya, Entrepueblos/Entrepobles/Entrepobos/Herriarte, Observatorio de Multinacionales en América Latina (OMAL), Plataforma por la Defensa de los Servicios Públicos de Madrid, Plataforma Rural, SETEM, Sindicato Labrego Galego, Seattle-to-Brussels Network (Parte de la red ‘Nuestro Mundo no está en Venta’), Verdegaia, Veterinarios Sin Fronteras, Xarxa de Consum Solidari, Xarxa de l’Observatori del deute en la Globalització

[2] Os documentos completos están dispoñibles aquí: http://www.quiendebeaquien.org/spip.php?article909

[3] A carta do Presidente Evo Morales sobre a rolda de negociacións da OMC pódese consultar en: http://www.adital.com.br/site/noticia.asp?lang=É